Skip to main content
ActualidadeBegonteSociedade

Feligreses de seis parroquias homenaxean ao párroco de Begonte

Por 29 Agosto, 2017Agosto 30th, 2017Sin comentarios

O próximo sábado, 2 de setembro, celebrarase en Begonte unha homenaxe ao párroco, Jesús Domínguez Guizán, por ter cumprido o pasado seis de abril as súas Vodas de Diamante sacerdotais (60 anos) e este 1 de agosto os 58 anos de servizo en parroquias de Begonte. Nesta homenaxe van participar arredor de 250 feligreses das seis parroquias que rexenta.

Iniciaron a organización da homenaxe o párroco de Saavedra, Ángel Vigo e Manuel Gay (Coengo da Catedral de Lugo), sumándose de inmediato cadanseu representante das seis parroquias rexentadas por Domínguez Guizán: Begonte, Carlos Torres Lamas; Damil: Manuel Castro Ferreiro; Felmil: David Cendán Carballo; Illán: Jesús César Blanco Lozano; Trobo: Jesús Veiga Díaz; e Valdomar: Germán Grandío Gayoso. Colabora o Concello de Begonte, dando o nome dos irmáns Domínguez Guizán á praza situada nas inmediacións do Belén.

Os actos darán comezo á unha e media do mediodía na igrexa de Begonte, cunha misa que será oficiada polos cregos compañeiros do homenaxeado.

A continuación, os participantes dirixiranse á praza que por decisión do Concello de Begonte levará o nome dos irmáns Domínguez Guizán: José, fundador do Belén Electrónico, que foi párroco de Begonte ata o seu pasamento en 1986; Milagros, que acompañou a seus irmáns, nun continuo servizo á parroquia; e Jesús, crego begontino desde hai máis de trinta anos, e continuador na impulsión do Belén. José Ulla Rocha, Alcalde, e o homenaxeado, Jesús Domínguez Guizán, descubrirán a placa correspondente, intervindo o Alcalde a continuación, e respondendo o homenaxeado.

Finalmente, no Restaurante San Martín, de Carral, celebrarase un xantar de homenaxe, ao que só poderán asistir as 250 persoas inscritas, xa que houbo que pechar a participación ao chegar a esta cifra por ser o límite das instalacións do Restaurante.

Presidirán o xantar Jesús Domínguez Guizán; o Alcalde de Begonte, José Ulla Rocha; o Presidente de Honra do Belén, José Luis Hernangómez Sastre; os seis representantes das parroquias e cregos compañeiros do homenaxeado.