Skip to main content
GuitirizSociedade

Música, artesanía, letras e cultura continúan a citarse en Pardiñas

Por 2 Agosto, 2017Agosto 10th, 2017Sin comentarios

O quinto certame de Cantos de Taberna polos bares de Guitiriz, que conta coa colaboración dos hostaleiros, abrirá este venres 4 de agosto unha nova edición do Festival de Pardiñas que chega aos 38 anos en plena forma.

É que veciños e veciñas traballan na súa organización ao longo de varios meses e tamén na montaxe dos distintos espazos e escenarios na semana previa á súa celebración.

O sábado 5 ás cinco da tarde Antón Corral inaugura a XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e abre tamén a XXXVIII Mostra de Artesanía. Ás seis Fernando Meireles ofrecerá un concerto para dar paso á XXXVIII Carreira Popular.

Pola noite a música desta Festa de Interese Turístico Galego comezará ás nove do serán con Bloquinho de Xermolos, Os Melidaos, Quique Escamilla, Kalakan & Luís Peixoto, Cuíg e Skandalo GZ.

O vermú do domingo correrá a cargo de Vintenbaio. Kote Malabar estará no festival ás catro e media para deixar paso ás seis e media ao concerto de Os Viqueiras de Ordes e ás sete ao pregón de Fina Casalderrey. O acto servirá tamén para facer entrega dos premios do Certame Terra Chá.

A partir das oito e media, música con Abórriga, Davide Salvado e Banda, Yves Lambert Trio e Sacha na Horta.