Skip to main content
A PastorizaActualidade

Medio Rural cede un vehículo motobomba ao Concello da Pastoriza para a loita contra incendios forestais

Por 3 Agosto, 2017Agosto 9th, 2017Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba este xoves a orde da Consellería do Medio Rural pola que se acorda a cesión en propiedade de seis vehículos motobomba a diversos concellos. Desta forma refórzase o operativo de loita contra os incendios forestais, dotando ás entidades locais dos medios necesarios para un correcto funcionamento do dispositivo.

Os concellos beneficiarios desta nova cesión son o da Pastoriza, na provincia de Lugo; os de Melón, Sarreaus e Coles, na provincia de Ourense; e de Portas e Oia, na de Pontevedra. Esta achega súmase á realizada o pasado mes de xullo coa cesión doutras sete motobombas a diversos municipios de Galicia e continuará nos vindeiros días cunha nova entrega de vehículos.

Esta achega faise consonte á normativa reguladora das bases do réxime local, que establece que lles corresponde aos concellos exercer no ámbito territorial da súa responsabilidade competencias en materia de prevención e extinción de incendios, nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas. Así, cada un dos concellos que recibe unha motobomba deberá cumprir coas obrigas da Dirección Xeral de Tráfico e realizar o trámite de cambio de titularidade do vehículo,  facerse cargo de todos os gastos de mantemento do vehículo e os derivados do seu uso, os propios do seguro, inspección técnica e demais impostos.

Estes vehículos forman parte do operativo antiincendios de Medio Rural, que na tempada de alto risco está composto por 360 motobombas, 280 vehículos novos, cisternas, pas, unha trintena de medios aéreos e preto de 7.000 traballadores.