Skip to main content
ActualidadeRábade TERRACHÁXA

Músico Crisanto pon música ás festas de Rábade "nun encontro festivo co seu pobo"

Por 11 Agosto, 2017Sin comentarios

Con sede en Rábade, a asociación Músico Crisanto engloba moitos grupos de diversos estilos e especialidades: a Banda Sons e Soños dirixida por Armando Morales, o coro da asociación Músico Crisanto, Young Murajazz Big Band, o grupo tradicional Tirapadiante e banda de gaitas das Escolas Municipais de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei.
–  O colectivo participa habitualmente nas festas. Pero, que cre que significa para os músicos ?
– Si, faino dende a súa fundación e a medida que nacía unha agrupación no seo desta, depositaba toda a súa ilusión neste encontro festivo co seu pobo.
– Este ano, que formacións teñen previsto ofrecer algunha actuación?
– A Banda de Gaitas extraordinariamente dirixida por Brais Monxardín e Miguel Anxo López, o sábado 12 á unha do mediodía; A Banda Sons e Soños, o domingo 13 á mesma hora; a Young Murajazz Big Band, que dirixe Álex Troya, tamén o domingo a partir das nove e cuarto. E mesmo engadimos actuacións con formatos menos recurridos, como o cuarteto de saxos que actuará nunha das veladas ao atardecer. Será o sábado 12 ás sete da tarde.
– Algúns dos seus integrantes son de Rábade, como se viven as festa sendo un dos “animadores” desas xornadas?
– Si, boa parte dos integrantes son rabadenses, pero os que non síntense como nas festas da súa casa. Téñase en conta que se algo caracteriza as nosas Escolas é a convivencia en perfecta harmonía de persoas, maioritariamente mozos e mozas, dos Concellos de Begonte, Rábade e Outeiro e de moito máis alá: Cospeito, Castro de Rei, Castroverde, Lugo, A Pobra de San Xillao, Guntín… Sempre tivemos vocación e vontade de resultar acolledores.

Sección xuvenil da Banda Sons e Soños no Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia 2017.

Sección xuvenil da Banda Sons e Soños no Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia 2017.

– É o verán a época de maior movemento para as agrupacións entendendo como tal a necesidade de desprazamentos a diversos lugares? Que outras actuacións teñen previsto?
– Temos actividade, unha auténtica vida musical ao longo de todo o ano. Antes de iniciarse o verán, xa tiñamos o contador por enriba da vintena de actividades. Nos tres trimestres do curso sáenos unha media que supera unha actuación cada dúas semanas. Agora en verán é o tempo de viaxar e facer máis actuacións na nosa contorna. A Banda de Gaitas vén de representarnos días atrás con extraordinaria aceptación por parte do público e organización no Festival Internacional de Ortigueira. Destacaría, ademais das citadas nas Festas de Rábade, a da Young Murajazz Big Band no Festival 27373 de Begonte, a da Banda de Gaitas no Festival de Ribadeo ou as da Banda Sons e Soños no Ciclo de Turismo de Galicia na Praza de Praterías ou nos Festivais da Pobra do Caramiñal, Luarca, Mondoñedo e Ribadavia… Constan na nosa web máis actuacións.
– Este ano os máis novos e novas participaban tamén no Festival de Bandas de Música xuvenís.
– Como na anterior edición, o pasado 9 de xullo representábanos a sección xuvenil (menores de 20 anos) da Banda Sons e Soños na Cidade da Cultura sendo a maior número de músicos das participantes no Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia na edición 2017.