As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de organizar un “Lecer Rural” na parroquia vilalbesa de San Cosme de Nete, no que participaron preto de 30 nenas e nenos.
Co obxectivo de dinamizar o rural do concello, a organización xuvenil desenvolveu unha serie de actividades lúdicas e culturais. Desde primeira hora da tarde e divididos en diferentes grupos, os máis pequenos aprenderon e desfrutaron dunha serie de xogos tradicionais: o muíño ou alquerque, a mariola, as canicas, birlos, as chapas, as bolas, buscalume, arrastramortos, zancos ou a pelota voadora, entre outros.
A continuación realizouse unha búsqueda do tesouro polas inmediacións da casa escola de Nete, na que os participantes tiveron que atopar pistas agochadas e pasar probas para finalmente descubrir o tesouro: un cofre cheo de moedas de chocolate.
A organización moza do PSOE de Vilalba, seguindo a súa liña de facer críticas á xestión municipal do PP mediante propostas nos últimos 4 anos (desde a súa constitución), afirmou que “a meirande parte das actividades redúcense ao núcleo da vila sen lle dar oportunidades ás familias que residen nas parroquias e non teñen os medios para desprazarse de xeito habitual, ademais de que consideramos primordial revitalizar o noso rural desde a perspectiva sociocultural”.
A iniciativa das xuventudes socialistas nace “dunha necesidade que detectamos ao falar con parte da veciñanza das parroquias, e comprobando que por moito que o goberno local afirme facer cousas nun futuro a raíz dunha moción do PSOE que eles mesmos rexeitaron, non nos dan ningunha garantía de que así se vaia facer, e non estamos dispostos a calar ante a indiferenza que ten este concello coas parroquias fóra de periodos electorais”, censuran.
Finalmente, agradeceron ás familias e á asociación de veciños de Nete pola súa boa acollida e por “ternos ensinado como se axudan entre os pequenos, que ben fan o traballo en equipo, e facernos sentir orgullosos do sentimento de familia que se desprende das parroquias do noso rural”.