Skip to main content
ActualidadeSociedadeVilalba

Coa clausura do XLIII Certame Literario de Vilalba chega o pregón

Por 29 Agosto, 2017Sin comentarios

O Auditorio Municipal “Carmen Estévez” acollerá o mércores 30 de agosto o acto de clausura do XLIII Certame Literario do Excelentísimo Concello de Vilalba actuando como mantedor Don Eduardo Baamonde Noche.

Será despois da presentación ás autoridades das raíñas das festas e damas de honra coa imposición de bandas e medallas que se desenvolverá na Casa da Cultura ás sete e media da tarde. A continuación a comitiva integrada polas autoridades, comisión de festas e outros representantes trasladaranse ao auditorio municipal acompañados da Banda de Música de Vilalba.

Eduardo Baamonde
Cunha ampla traxectoria profesional nos sectores agroalimentario e financeiro, Eduardo Baamonde Noche (Vilalba, Lugo, 1964) é elixido presidente de Cajamar Caja Rural o 27 de abril de 2016.

Enxeñeiro agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid e máster en Comunidades Europeas pola mesma Universidade, en 1993 trasládase a Bélxica. Alí permanece durante oito anos exercendo como director da oficina da Confederación de Cooperativas Agroalimentarias de España en Bruxelas, dende onde defende os intereses do sector ante as Institución Comunitarias, intervén como experto en numerosas audicións do Parlamento Europeo e actúa como membro en diversos Comités Consultivos da Comisión.

No 2000 regresa ao noso país ao ser nomeado director xeral de Cooperativas Agroalimentarias de España, responsabilidade que desempeña durante 15 anos. Durante ese período incorpórase á Presidencia da Confederación Europea de Cooperativas Agrarias (COGEGA), que xunto co Comité de Organizacións Profesionais Agrarias (COPA), conforma o órgano máximo de representacións do sector ante a UE: o COPA-COGEGA. Unha organización supranacional que no 2005 elixe a Eduardo Baamonde como presidente e desígnao representante europeo do sector agroalimentario na Conferencia de Ministros da Organización Mundial do Comercio celebrada en Hong Kong.

En 2014 incorpórase ao Consello de Administración do Banco de Crédito Cooperativo, sendo elixido vogal da súa Comisión Executiva e designado presidente do Comité de Auditoría. Desempeña ambas función durante dous anos, ata a súa elección como presidente de Cajamar Caja Rural, a primeira cooperativa de crédito de España e unha das 14 entidades ¬ financeiras signi¬ficativas do noso país.

Ademais de participar en múltiples conferencias, seminarios e congresos tanto nacionais como internacionais, colaborou en diferentes libros e estudos sobre o sector agroalimentario e cooperativo, entro os que destaca o volume “El papel del cooperativismo agroalimentario en la economía mundial”. Así mesmo, imparte docencia sobre planificación estratéxica no Máster de Xestión de Empresas Agroalimentarias da Universidade Antonio de Nebrija.

Escola de Movemento de Vilalba
O acto pechará cunha actuación da Escola de Movemento de Vilalba que recentemente participaba en Alemaña no Mundial de Danza na categoría “National dance” onde lograba colocarse na décimo cuarta posición superando os 90 puntos outorgados por un xurado internacional especializado en cultura tradicional que destacaba aos quince primeiros grupos clasificados indicando que era cuestión de décimas a diferenza nas puntuacións.
A este respecto, a directora da escola, Noelia Blanco, cre que “debemos estar orgullosos”. E aclara que “foron un grupo de rapazas que participan tanto nas clases de baile tradicional da AC de Andrade coma na Escola de Movemento. Así foi posible aproveitar os seus coñecementos tanto en técnica de danza coma nos ritmos tradicionais galegos. De feito, estes chegaron a supoñer un 80% da montaxe preparada para desenvolver en Alemaña”.