Skip to main content
Actualidade

O BNG propón un incremento de dotación económica para o Plan Único da Deputación 2018

Por 17 Setembro, 2017Sin comentarios
Antonio Veiga e Xosé Ferreiro co voceiro do BNG en Monforte.

Antonio Veiga e Xosé Ferreiro co voceiro do BNG en Monforte.

O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, avanzou a necesidade de incrementar a dotación económica para o Plan Único da Deputación que vai destinada aos concellos de toda provincia. Ferreiro destacou que “para os concellos, independentemente da cor política dos seus gobernantes, o Plan Único que o BNG propuxo para a Deputación de Lugo foi moi positivo tanto polas achegas económicas como polo sistema de reparto que foi máis transparente e igualitario que nunca”. Xosé Ferreiro afirmou “este ano demostrouse que a proposta do BNG co Plan Único para os concellos foi positivo para todas as veciñas e veciños”.

Os deputados do BNG Xosé Ferreiro e Antonio Veiga fixeron este anuncio tras un encontro co Tenente-Alcalde de Sarria, Efrén Castro, no que analizaron a incidencia que tiveron, para o concello de Sarria os fondos recibidos da Deputación neste ano 2017. Sarria foi un dos 5 concellos que recibiron a máxima cuantia de 500.000 euros xunto con Monforte de Lemos, Vilalba, Lugo e Viveiro. O Plan Único establecía ademais un mínimo para os concellos con menos habitantes de 150.000 euros.

Efrén Castro apostou por incrementar as partidas do Plan Único e lembrou que grazas a este novo sistema de reparto proposto polo BNG, o concello de Sarria puido asumir a mellora dun tramo da Rúa Diego Pazos, a pista de tenis da rúa Castelao, a elaboración dun plan de mobilidade, a compra de un escenario, a compra de material para a residencia de maiores, un vehículo con guindastre para os servizos eléctrico, a instalación de xogos infantís para O Chanto, e outras inversións necesarias para o concello de Sarria.

Ferreiro dixo que “o BNG estará disposto a negociar o que faga falta, pero temos claro que o incremento das partidas para o Plan Único van ser condición necesaria” e engadiu “está claro que aínda que PSOE e PP se apuraron a tratar de apuntarse a autoria do Plan Único, o BNG é a única forza política que acredita neste sistema de reparto dos fondos dunha Deputacións que xa deberían ter desaparecido”.