
Covadonga Toca durante unha xornada informativa sobre as liñas de financiamento para empresas e emprendedores da Xunta.
Toca explicou que a Xunta está a poñer ao alcance deste sector as maiores facilidades para que poidan seguir emprendendo e crecendo. A folla de ruta inclúe 20 medidas a día de hoxe practicamente executadas ao 100%: 9 de cada 10 euros dos fondos previstos nesta planificación, dotada con 40 millóns ano ano, xa están activados e nas próximas semanas completaranse coa posta en marcha doutras medidas como as axudas para colaborar na conciliación da vida familiar tras o permiso de maternidade ou paternidade ou o programa de relevo xeracional para garantir a continuidade dos negocios que son solventes e favorecer a incorporación da mocidade ao emprego autónomo.
Outras medidas ás que se referiu a secretaria xeral e que neste caso xa están en activo son o Bono e a Oficina do Autónomo e a tarifa plana. Con respecto, ao Bono lembrou que está destinado a axudar a consolidar os negocios cunha axuda máxima de 3.000 euros para os traballadores que leven, polo menos, 42 meses de actividade para reforzar a profesionalización do seu negocio e a mellora da competitividade.
A tarifa plana, pola súa banda, beneficiará con 3 millóns a 6.000 persoas, que poderán manter durante medio ano máis a cota reducida á Seguridade Social pagando, deste xeito, só 50 euros durante o seu primeiro ano de actividade. A Oficina do Autónomo recolle todos os servizos destinados aos autónomos converténdose nun punto de información e de xestión integrado, “unha verdadeira oficina virtual” que conecta coa sede electrónica da Xunta.
A secretaria xeral de Emprego tamén salientou o novo programa do Goberno galego destinado a impulsar a formación e a contratación dos menores de 30 anos sen emprego. Trátase dunha experiencia piloto pioneira na Comunidade, xa que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.
Para iso, a iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe, segundo explicou Toca, axudas a través dun bono de 7000 euros. Deste forma, nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario.
Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. É dicir, a Xunta apoiará un plan de formación adaptado ás necesidades e habilitades do propio posto de traballo. Será, polo tanto, unha formación adaptada á demanda real das empresas galegas.
Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5000 euros -tamén por participante- para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza.
Apoio ás mulleres
A secretaria xeral de Emprego referiuse, por último, a Emprega en feminino, un novo programa da Xunta que, con 100 millóns de euros ata 2020, busca desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral. Cun investimento medio anual de 25 millóns, esta folla de ruta inclúe catro eixos de actuación con propostas innovadoras que faciliten a súa incorporación profesional; o seu desenvolvemento; a igualdade na empresa; e apoiar o emprendemento.
Toca apuntou que o eixo do emprendemento inclúe a posta en marcha dun banco de ideas para novas iniciativas empresariais e o fomento da titularidade feminina en entidades de economía social. Reforzarase, ademais, o apoio ás iniciativas femininas na promoción do emprego autónomo e da economía social.
Toca indicou que estas medidas forman parte da Axenda 20, coa que a Xunta impulsa en Galicia a creación de emprego estable e de calidade, dando prioridade nos seus programas e axudas aos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo. Así mesmo, apuntou que esta planificación inclúe outras axudas e incentivos dirixidas ás empresas para a contratación indefinida e para que poidan seguir crecendo e afirmou que grazas ás políticas activas de emprego que desenvolve a Xunta, o mercado laboral estase mellorando cunha tendencia positiva, tal e como o reflicten as estatísticas.