Skip to main content
ActualidadeMuras

O cabalo de pura raza galega, exemplo de recurso sostible e da diversificación na producción gandeira

Por 25 Setembro, 2017Sin comentarios

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou a importancia de diversificar a produción agroalimentaria galega aproveitando todas as súas posibilidades. Referiuse, en concreto, aos recursos que ofrece o cabalo de pura raza galega, tanto desde o punto de vista alimentario como ambiental. Así, puxo en valor a súa condición de “recurso natural sustentable”, algo que se manifesta de maneira especial en montes como os de Muras, en Lugo, que celebraba este domingo 24 de setembro a súa XXX Feira do Poldro e do Gando Bravo.

Ángeles Vázquez durante o seu discurso na XXX Feira do Poldro xunto ao ex alcalde Pepe Soto, o alcalde Manuel Requeixo, o concelleiro de Medio Rural Mario Rouco e o edil Danilo Requeijo.

Na súa intervención neste evento, Ángeles Vázquez destacou o traballo que desenvolven nesta zona a asociación Pura Raza Galega (Puraga) e a comunidade de montes Tenente Xistral coidando o terreo forestal e preservando, ao tempo, a riqueza zooxenética que representa o cabalo galego. Lembrou tamén que a Consellería do Medio Rural apoia este labor cunha achega de 66.800 euros anuais. Estes fondos fornecen un convenio de colaboración que ten como finalidades fundamentais a conservación, desenvolvemento e utilización sustentable dos devanditos recursos e o fomento e promoción dos seus produtos derivados, engadiu a conselleira.

Ángeles Vázquez salientou ademais os 30 anos de historia desta feira, que, segundo dixo, “se ben comezou sendo moi humilde, hoxe ofrece aos visitantes un amplo percorrido polos sectores produtivos de Muras”. E sinalou ademais que a celebración supón “unha clara aposta pola revitalización do noso rural, creando un novo atractivo turístico para visitar Muras”. Por todo isto, rematou a conselleira, a feira do poldro representa “un auténtico revulsivo para o municipio” e “vén demostrar que no rural si que hai vida, que no rural si que hai futuro”.

Trixésimo aniversario
Nesta edición da feira, coincidindo co seu trixésimo aniversario, réndese homenaxe aos seus primeiros organizadores, que a puxeron en marcha de xeito desinteresado. Con esta mesma finalidade, organizouse unha exposición con artigos de prensa e fotos, na que colaboran diferentes xornais. O programa da feira complétase con actividades para nenos, unha ruta polo Xistral, exhibicións, xogos ecuestres e demostracións gastronómicas, entre outras iniciativas.