Skip to main content
ActualidadeXermade

Roberto G. Pernas: "Estanse a executar obras en todo o municipio de Xermade"

Por 20 Setembro, 2017Sin comentarios
Campo da festa de Xermade.

Campo da festa de Xermade.

Roberto García Pernas, alcalde de Xermade:
– Recentemente, o Concello de Xermade ten executado a mellora do campo da festa de Xermade a través da aplicación de aglomerado. A que responden estas obrs?
– Trátase dunha das obras de mellora incluídas no convenio que o Concello asinaba coa Deputación Provincial por un orzamento total de 150.000 euros. Neste caso, estas obras supuxeron 10.000 euros.
– Que outras obras inclúe este convenio?
– A rehabilitación de pistas municipais en todo o municipio. Neste caso, cun orzamento de 50.000 euros, os traballos foron adxudicados á baixa para levar melloras aos puntos da rede viaria municipal onde sexa preciso. Así, procuramos que todas as parroquias saian beneficiadas.
O convenio co ente provincial inclúe tamén a colocación de placas solares e flotadores e cloradores nos depósitos de auga da parroquia de Roupar que xa foi adxudicada por un importe de 12.000 euros.
A estas hai que engadir dúas obras que pretendemos tramitar no prazo dun mes: a substitución de portas e ventás da escola de Candamil e da Casa da Cultura de Xermade onde se ubica a Biblioteca Municipal e a construción dun depósito de auga en Burgás para conectar á rede de traída de augas municipal.
Con cargo a este convenio foron xa adquiridas dúas desbrozadoras, unha podadora e zahorra para o arranxo de pistas forestais en Momán e Burgás.
– O municipio carecía de puntos de almacenamento de auga e mesmo con cargo aos orzamentos municipais se executaba un pozo en Burgás para abastecer ás granxas…
– Ante as, cada vez máis, presentes secas os gandeiros e gandeiras precisan contar con puntos de auga para abastecer as súas granxas sen empregar a rede municipal. Ademais, como servizo anti-incendios téñense construído depósitos en Cazás e Burgás. E o vindeiro ano pretendemos continuar construíndo máis puntos anti-incendios e preparando a traída municipal de augas. Por agora, aínda que están pendentes de adxudicación, temos tramitado xa a construción dun depósito de reserva anti-incendios en Roupar cun orzamento de 10.484 e o control e dosificación de cloro en depósitos de Momán e Vilacide con 10.890. Estas dúas actuacións inclúense no Plan Único da Deputación.
– Que outras obras inclúe este plan co que o ente provincial colabora co Concello?
– Ademais da reparación e mellora do firme de dúas vías en Lousada e na escola de Miraz, a mellora do firme na escola de Candamil e no campo de fútbol de Momán pendente de adxudicar. Neste caso, o orzamento é de 19.349,40 euros.
Hai que engadir tamén a este plan a adquisición dun vehículo para uso de servizos sociais e servizo de augas do Concello e a dun camión con guindastre de segunda man con 11.000 e 22.000 euros, respectivamente.
E para completar os 203.069,88 euros do Plan Único procederase a cambiar as lámpadas de sodio por luminarias LED en alumeados públicos de Xermade e Momán. A estas actuacións destinaranse 24.000 euros.
– A procura da eficiencia enerxética tamén é un dos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental. Que melloras se realizarán este ano nese sentido?
– Xa están adxudicadas as melloras na eficiencia enerxética en alumeados públicos en Roupar de Arriba e Candamil cun orzamento de 30.861 euros.
Tamén con cargo ao canon eólico da Xunta se adquirirá un retroescavadora mixta usada con destino ao servizo de obras do Concello. O orzamento para esta adquisición é de 30.020,68 euros.
Roberto G. Pernas, alcalde de Xermade.

Roberto G. Pernas, alcalde de Xermade.

Encontro Internacional de Torneiros
– O Concello de Xermade organiza o Encontro Internacional de Torneiros da Madeira que chega á décimo sétima edición entre o 22 e o 24 de setembro.
– Xermade recibirá ao mellor do torneado da madeira dando recoñecemento ao municipio en distintas partes do mundo. Pero, ademais, nesa fin de semana o municipio recibe centos de visitantes que se achegan a coñecer o oficio e admirar as pezas presentes na exposición. Isto supón ingresos para a hostalería do municipio que colga o cartel de completo igual que noutros concellos limítrofes.
– A cita nacía co obxectivo de poñer en valor o oficio e dar a coñecer o traballo que supón a elaboración de cada peza. Que apoio ao sector presta o Concello?
– Como espazo de intercambio de coñecementos a nivel mundial ten garantida a colaboración do Concello.