Skip to main content
ActualidadeTERRACHÁXA

Os socialistas reivindican “unha estratexia particular galega” para facer ás mulleres rurais “máis fortes, visibles e empoderadas”

Por 15 Outubro, 2017Sin comentarios

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, reivindicaba o venres “unha estratexia particular galega” a partir dun Plan Estratéxico de Igualdade de Xénero no Medio Rural de Galicia do goberno para “facer ás mulleres rurais máis fortes, máis visibles e máis empoderadas”. Así o dixo logo dun encontro coa presidenta de Fademur, Rosa Arcos, e o portavoz de Gandaría do PSdeG, José Manuel Pérez Seco, con motivo do Día Mundial da Muller Rural que se conmemora cada 15 de outubro.

Pierres anunciou a presentación de ata 24 iniciativas nas últimas dúas semanas dende as portavocías de Igualdade e de Gandaría para evidenciar a falla de execución das medidas do goberno pola igualdade da muller rural previstas no Plan de Igualdade. A responsable socialista alertou así da “falla de acción do goberno galego” para loitar contra a situación das mulleres no rural.

Dixo que, “a pesares de que ninguén pon en dúbida o seu relevante papel no rural, seguen a estar infrarrepresentadas, fóra dos espazos de toma de decisións, son invisibles, teñen máis dificultades para o acceso ao mercado laboral e sofren as consecuencias da fenda salarial”.

Instou ao goberno galego a fixar un Plan Estratéxico de Igualdade de Xénero no Medio Rural de Galicia e anunciou unha pregunta urxente no Pleno da próxima semana sobre “as dificultades manifestas para dotar ozamentariamente as partidas que teñen que ver coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero”. Criticou neste sentido que o veto do PP e da Xunta a fixar partidas orzamentarias impedira o acordo sobre unha proposta de Resolución neste sentido no pasado Debate do Estado da Autonomía.

Proposta
O portavoz de Gandaría, José Manuel Pérez Seco, foi o encargado de desgranar a proposta socialista para impulsar un Plan Estratéxico de Igualdade de Xénero no Medio Rural de Galicia. O obxectivo é “que contribúa á promoción integral das mulleres do medio rural de Galicia, a súa plena participación social e á igualdade de oportunidades real entre mulleres e homes no marco dun proceso integral de desenvolvemento do medio rural galego”.

Os obxectivos son promover o acceso destas mulleres á formación e ao emprego, dotalas de ferramentas que incrementen a súa visibilidade social, política e económica, facilitar a conciliación persoal e familiar e sensibilizar e educar en igualdade. Ademais, inclúe “outros obxectivos máis pormenorizados, nos que a prevención e a erradicación da violencia de xénero sexa prioritario”.

Fademur
A presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais –Fademur-, Rosa Arcos, puxo como exemplo a situación no sector lácteo, onde o aumento do número de mulleres titulares de explotacións, ata supor o 54 por cento, que aparentemente indica unha mellor situación, agocha en realidade que é un fenómeno derivado da crise e que da a medida da “feminización da pobreza” no sector.

Reclamou “outras cousas” ademais do aumento da titularidade, como é o recoñecemento social, a mellora da calidade de vida ou dos servizos públicos. Advertiu que o despoboamento do rural e o relevo xeracional “non se van producir en canto as mulleres non nos quedemos, e non nos quedaremos se non hai calidade de vida”.