Skip to main content
Actualidade

“Hoxe toca apagar lumes e seguir cos veciños, mañá pedir responsabilidades”

Por 16 Outubro, 2017Sin comentarios

Ao igual que a maior parte dos lucenses, hoxe os Deputados do Goberno Provincial continúan cos veciños das súas respectivas Comarcas e Concellos, apoiando ás familias afectadas polos lumes e colaborando na extinción dos mesmos, tal e como están a facer todos os lucenses dentro das súas posibilidades. Pois, durante toda a fin de semana, os veciños mobilizáronse e empregaron os seus propios medios, amosando unha vez máis a súa valía e solidariedade, para facer fronte aos incendios e tentar que as lapas non chegasen cando menos ás vivendas.

Os medios materiais dos que dispón a Deputación, que son as máquinas do Parque Mobil, seguen en Donís, Cervantes, o municipio máis afectado polos lumes. De feito, en primeira instancia o Presidente, Darío Campos Conde, e logo o voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, desprazáronse este luns a este Concello da Montaña, onde arderon máis dun milleiro de hectáreas que forman parte da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.

Tanto os profesionais dos parques de bombeiros provinciais como os GES, co-financiados pola Deputación, traballan baixo as directrices da Xunta de Galicia.

En nome do Goberno da Deputación, o seu voceiro, Álvaro Santos Ramos destacou este luns, antes de desprazarse a Cervantes e a preguntas dos xornalistas, que “veño de estar toda a noite no meu Concello, en Friol, e hai que estar moi agradecidos e orgullosos da mobilización dos nosos veciños e aprender deles”.

“Hoxe toca apagar os lumes e seguir apoiando aos nosos veciños. Pero unha vez que estean apagados toca sentarse. Pois as escenas vividas falan por si soas: Galicia non está preparada para afrontar unha catástrofe destas dimensións”.

“Non haberá político responsable neste país que non entenda a catástrofe dos incendios que acabamos de vivir coma un problema de país para acadar un consenso. Galicia tivo que reordenar o urbanismo porque estábamos acabando co noso medio ambiente, cos nosos espazos naturais e co noso patrimonio. Se non ordenamos o noso territorio acabaremos tamén coas vidas da xente, porque isto non só afecta á paisaxe, aos animais, á flora ou ao medio ambiente, por desgraza tamén afecta ás persoas”.

“Necesítase política de país, moitísima madurez e responsabilidade política. En canto non haxa un incendio activo en Galicia, todo o arco parlamentario debe sentarse a falar en serio sobre como ordenar o territorio galego, territorio que por certo, cada día vai ganando espazo a masa forestal sobre a masa agrícola. É unha realidade que non podemos negar e que tamén ten o seu impacto e a súa influencia nas economías das familias, dos Concellos e das Comarcas”.

“Con todo isto, é tempo de consultar e falar cos expertos, a política vén despois, podemos discutir sobre modelos de xestión, pero non podemos discutir de se hai que parar ou non o lume.”

Tres días de loito
Como todas as administracións, a Deputación súmase aos tres días de loito oficial e suspende todos os actos institucionais. As bandeiras do Pazo de San Marcos ondean a media hasta.