Skip to main content
Actualidade

San Xiao de Mos presume de galiña autóctona

Por 22 Outubro, 2017Sin comentarios

Exemplar de galo de Mos.

Os sete criadores de galiña de Mos da parroquia orixinaria desta raza autóctona, San Xiao de Mos, xa teñen dispoñibles os 200 polos que crían específicamente para a súa degustación na feira que celebran cada ano o último domingo de outubro a modo de “reivindicación da orixe da raza”.

Da man destes criadores, que non se dedican á comercialización da carne ou dos ovos da raza, nacía esta iniciativa. E este ano alcanza a oitava edición ofrecendo, ademais da degustación da carne desta ave o domingo 29 de outubro, artesanía e exposición de maquinaria agrícola, xogos populares da man do Cadaval e animación a cargo dun dúo musical.

Ao longo da mañá cociñarase o polo no propio escenario da feira onde, ao mediodía, se servirán 800 racións, 50 máis que o ano pasado. “Noutras ocasións chegamos a despachar 1.000 racións, pero este ano dispoñemos de menos carne”, como indica un dos criadores, Carlos Silvosa. O menú consta de polo guisado con patacas asadas, bebida, tarta de Santiago e queixo de Leitigal e terá un prezo de 8 euros. “As entradas poderanse adquirir dende dúas semanas antes nos establecementos de Castro, contactando cos criadores ou o mesmo día da feira”.

Exposición e concurso de Avimós
A Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós) achegará exemplares da raza para a súa exposición; pero a presenza destas aves tamén terá protagonismo co concurso comarcal de Avimós que premiará aos mellores exemplares.
Tamén participarán na feira outros criadores da asociación que achegarán, para a súa venda, ovos ou exemplares desta rústica raza de plumaxe brillante e abundante.