Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Labrada e Os Vilares únense para salvar os frescos das igrexas

Por 24 Outubro, 2017Outubro 27th, 2017Sin comentarios

Estado de conservación dos frescos da igrexa dos Vilares.

A Asociación Socio-Cultural Lareira de soños dos Vilares e o párroco de Labrada, Luis Ángel Rodríguez Patiño, levarán a cabo diversas iniciativas para reclamar a urxente restauración das pinturas murais renacentistas das igrexas das parroquias de Labrada e Os Vilares.

“Despois de varios anos de reclamacións, entrevistas, informes e visitas de autoridades para a recuperación destas importantes pinturas dos séculos XV e XVI sen resultados positivos, a alarma do deterioro dos mesmos obrigan a chamar a atención sobre o perigo da perda definitiva duna frescos con máis de cincocentos anos de antiguidade”, segundo indica o presidente da colectivo, Antón Tenreiro. “As humidades, o desconchado das paredes, a falta de mantemento e consolidación destas obras artísticas levam a unha degradación ano tras ano que vai camiño de facerse definitiva e irrecuperável se non se actúa con urxencia”.

É por isto que as dúas parroquias despois de varias conversas entre o párroco de Labrada e o presidente da Lareira de soños decidiron emprender accións conxuntas para apremiar ás institucións na salvación destes murais e o seu posterior nomeamento como Ben de Interese Cultural (BIC).

Dende o colectivo indican que “descubertos os frescos nos anos 90 en ámbalas dúas igrexas e conservados detrás de caleados profiláticos, non se ten tomado ningunha medida de protección desde entón quedando case trinta anos á súa sorte e cun avanzado estado de deterioro”.

A Terra Chá ten nestes frescos um importante patrimonio de arte relixiosa que “debe preservar e poñer en valor nuns templos con orixes nos séculos XII (Os Vilares) e XIII (Labrada) e con importantes retablos góticos e renacentistas e outras iconografías entre a que destaca tamén o calvario de tres cruceiros dos Vilares ou o sartego de pedra entre outros”.