Skip to main content
ActualidadeMurasRiotortoXermade

Muras, Xermade e Riotorto benefícianse das axudas da Xunta para equipamentos e melloras en locais culturais

Por 10 Outubro, 2017Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou 174.223 euros a equipamentos e melloras das instalacións dos locais culturais propiedade de 19 concellos da provincia de Lugo que o solicitaron ao abeiro do programa de axudas autonómico.

Entre as actuacións apoiadas polas subvencións da Xunta figuran desde iniciativas de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas a, no ámbito dos equipamentos, o financiamento de equipos de iluminación e son, escénicos, introdución de tecnoloxías audiovisuais e equipos informáticos.

As achegas tamén permiten mellorar as bibliotecas municipais, como é o caso dos concellos de Xove, O Saviñao e Pobra do Brollón.

Pola súa banda, no que respecta á mellora da accesibilidade, os concellos que optaron por estas actuacións son os de Portomarín, que impulsará reformas no edificio cultural Xeneral Paredes; o concello de Riotorto, que actuará no centro sociocultural de Galegos; e o concello do Vicedo, que reformará a Casa da Cultura.

Os concellos de Burela e Bóveda adquirirán co apoio da Xunta novos equipamentos para os seus locais culturais e, no caso de Outeiro de Rei, investirán na posta en funcionamento das súas instalacións culturais.

Tamén recibiron achegas os concellos de Muras, Xermade, Ribas de Sil, Viveiro, Monterroso, Guntín, Ourol, Pantón, Alfoz e O Valadouro.

O delegado territorial da Xunta explicou que estas subvencións do Goberno galego, que responden a unha convocatoria de axudas en concorrencia competitiva, permiten apoiar os esforzos que distintos concellos realizan para mellorar as condicións técnicas dos seus locais culturais e tamén fan posible abrir estas instalacións a novos campos culturais que precisan do uso das novas tecnoloxías.

Balseiro subliñou que se trata “dunha clara aposta pola cultura, que debe ser ante todo participativa e universal, e os municipios precisan de instalacións axeitadas para dar cabida a manifestacións culturais de diferentes formatos”.