Skip to main content
ActualidadeSociedadeVilalba

Ínsua repite a tasca tradicional do liño nunha xornada lúdica

Por 3 Outubro, 2017Sin comentarios
Tasca do liño.

Tasca do liño.

A parroquia vilalbesa de Ínsua acolle o sábado 28 de outubro a novena edición da tasca do liño coa que amosan aos visitantes “o traballo do cultivo tradicional do liño, nunha xornada cargada de actividades e artesanía para todos os amantes do téxtil, a tradición e a etnografía”.

E como defensoras que son dende a asociación de Mulleres San Bartolomeu de Ínsua, non podían faltar os postos de artesanía na feira con artigos textís, coiro ou madeira.

A xornada contará tamén cunha mesa redonda sobre “O liño e a música tradicional” coa que analizar as relacións entre a veciñanza nas tascas do liño e as fías como reunións que tiñan tanto de traballo coma de lecer, xa que “non faltaba a música nin o baile para animar os asistentes”. O alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, será o encargado de moderar a mesa redonda na que tamén aportarán as súas experiencias o pedagogo e mestre de baile tradicional Alexandre Sotelino, o luthier e músico tradicional Xaneco Tubío e o luthier do CENTRAD Luciano Pérez.

A animación musical correrá a cargo do músico, artesán e investigador galego Pablo Carpintero que conta con diversas publicacións sobre a evolución da morfoloxía e repertorio da gaita de fol e na súa contextualización social e histórica, así coma dos diversos instrumentos musicais tradicionais galegos.

E para espantar a demos e demouchiños repetirá o frade Manuel Ferreiro o conxuro da queimada co seu inseparable compañeiro Tranquilo que achegará as súas fazañas e historias por terras de Mondoñedo.