Skip to main content
ActualidadeVilalba

Modesto Renda insta a Goberno e oposición a “ocuparse dos problemas de Vilalba”

Por 4 Outubro, 2017Sin comentarios

As reaccións á polémica acaecida no pasado Pleno Ordinario do Concello de Vilalba non se fixeron agardar, e foi precisamente o único concelleiro da oposición en non abandonar o mesmo, o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, o primeiro en se pronunciar.

Decepcionado e perplexo co que cualificou de “lamentable espectáculo” ofrecido por parte tanto de Goberno coma de oposición, quixo facer un chamamento á seriedade e ao respecto á institución municipal, instando aos mesmos a se cinguir aos problemas de Vilalba en lugar de avergoñar á veciñanza convertendo a sede da soberanía dos vilalbeses e mailas vilalbesas nun “patio de colexio”.

Neste senso, asegurou sentir vergoña coma veciño e reivindicou a “política do traballo e a proposta” diante da que “agocha a ausencia de proxecto político na procura do espectáculo e o titular”

Na mesma liña, declarou sentirse orgulloso de que fronte ao “ruído das polémicas inútiles e alleas ao que verdadeiramente importa no noso Concello”, o esforzo de meses de Vilalba Aberta conseguira arrincar do Goberno Municipal o compromiso para a posta en marcha dun obradoiro de emprego sobre agricultura ecolóxica que permitirá formarse a mozos desempregados/as con sensibilidade polo mundo rural.