Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta esixe a inmediata comparecencia de Baamonde logo do “irregular” cambio de actividade en chan rústico dunha empresa en Sancovade

Por 17 Outubro, 2017Sin comentarios

A asemblea de Vilalba Aberta ven de solicitar con motivo de urxencia a comparecencia do Alcalde, Agustín Baamonde, logo de contrastaren membros da formación a situación de absoluta irregularidade que se deriva do cambio de actividade que sucedeu ao cese e posterior venta dos terreos e a nave sobre a que se asentaba unha antiga empresa de prefabricados.

Ben visible ao carón da circunvalación, no linde da parroquia de Sancovade; a nova actividade – un desguace de camións – lévase a cabo dende hai aproximadamente un ano sen que ninguén reparase na ilegalidade manifesta que supón unha muda destas características nunha zona especificada coma chan rústico a efectos de administración.

Tal e como explican dende a asemblea cidadá, “os trocos na actividade empresarial están delimitados en terreo rústico aos que gardan relación coa anterior, isto é: a transición dunha explotación avícola a cunícula ou a mesma de prefabricados á única produción de vigas”. Ademais, lembran, non hai notificación ninguna do feito de que a nova actividade tivera a a aprobación municipal a través da comisión de urbanismo.

Neste senso, o voceiro da formación, Modesto Renda, asegurou sentir vergoña logo achegarse in situ a coñecer da man da veciñanza a situación de indefensión dos que se atopan máis cercanos ao desguace. “Malos cheiros, molestias constantes e a intolerable posición de risco que se derivan da existencia dun terraplén de escasos 10 metros entre a última ringleira de camións e a primeira casa”, relatou o edil.

É por isto que urxiu a Baamonde a saír ao paso dando “todas as explicacións pertinentes e necesarias” para que “con luz e taquígrafos, o conxunto dos vilalbeses/as poidan coñecer a verdade do acontecido”.

Paralelamente, dende formación traballan xa nos pasos a seguir unha vez se fagan públicas as explicacións do rexedor.