Skip to main content
ActualidadeVilalba

PSOE: “O goberno local está a permitir obras no xulgado de Vilalba sen licenza”

Por 23 Outubro, 2017Sin comentarios

Obras no Xulgado de Vilalba.

O Grupo Municipal Socialista denuncia que as obras que se están a facer nos xulgados de Vilalba non teñen a licenza pertinente para a súa execución. Hai algunhas semanas que deron comezo as reformas no interior do edificio para mellorar a súa accesibilidade, e segundo veñen de afirmar desde o PSOE “estas obras son de carácter ilegal ao non contar cos permisos requeridos”.

No momento no que comezaron os traballos, “tanto Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, como José Manuel Balseiro, delegado da Xunta, foron a sacar a foto para presentar as obras de mellora a sabendas de que non dispoñían da licenza, facendo publicidade da súa xestión sen ningún tipo de autorización”, explica a concelleira socialista Marta Rouco. Ademais, aseguran que a día de hoxe “están todos os materiais ciscados pola beirarrúa no exterior dos xulgados, e no interior mantéñense unhas condicións deleznables para os traballadores e traballadoras”.

Desde o Grupo Socialista califican de “chapuza” este modus operandi ao que “xa nos teñen máis que acostumados”, pero tamén sinalan que “non se pode consentir que o goberno local do Partido Popular esixa aos cidadáns de a pé permisos para realizar calquer tipo de actividade, pero cando lles toca a eles sáltanse á torera todo procedemento sen o máis mínimo rigor”, conclúen.