Skip to main content
Actualidade

Aberto o prazo para solicitar as axudas de 75.000 euros do Goberno da Deputación para deportistas lucenses

Por 13 Novembro, 2017Sin comentarios

O prazo para solicitar as axudas de 75.000 euros do Goberno da Deputación para deportistas individuais da provincia de Lugo permanecerá aberto ata o vindeiro martes 21 de novembro, tras a publicación no BOP das bases que rexen esta programación de concorrencia competitiva. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, subliñou que “esta programación está dotada de 75.000 euros e en total ofertaranse 150 bolsas, das cales 11 estarán reservadas para deportistas con capacidades diferentes. Como na pasada anualidade, para premiar o esforzo competitivo valoraranse os resultados acadados nas competicións provinciais, galegas, estatais e internacionais”.

A presentación das solicitudes poderase facer a través do Rexistro do Pazo de San Marcos ou ben en calquera das dependencias administrativas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992. Toda a información e requisitos, así como a documentación necesaria atópase na web www.deputacionlugo.gal.

Rivera Capón engadiu que “somos conscientes das dificultades que supón hoxe en día a práctica deportiva profesional, polos elevados custes de desprazamentos, inscricións en competicións ou material técnico, dificultades que se ven incrementadas no caso dos deportes individuais. Por iso é o noso deber, e queremos estar ao carón dos nosos deportistas, pois son eles quenes nos representan e exercen de embaixadores da provincia cada vez que saen fóra das nosas fronteiras a competir”.

Poden acceder ás bolsas todos os deportistas da provincia de Lugo que posuíran ficha federativa durante o ano 2016 e que dende o día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do 2016 participaran en competicións deportivas oficiais, tanto de carácter provincial, galego, estatal como internacional, e manteñan na data de presentación de solicitudes a súa actividade competitiva oficial e federada.

As bolsas terán un importe máximo de 1.500 euros e un importe mínimo de 300. Así mesmo, establécese unha idade máxima de 35 anos, a data de 31 de decembro de 2016, para os aspirantes, un criterio que non será de aplicación no caso dos deportistas con capacidades diferentes.

Premio ao esforzo competitivo
Para premiar o esforzo competitivo, á hora de levar a cabo a distribución das bolsas terase a en conta unha táboa de baremación que outorgará unha determinada puntuación en función da posición acadada en probas do campionato do mundo, no ranking mundial, probas do campionato de Europa, ranking europeo, probas de campionatos de España, ranking de España, probas do campionato galego, ranking galego, probas do campionato provincial, campionatos mundiais universitario, campionatos estatais universitarios e campionatos galegos universitarios.

Axudas para pilotos de rali
O Deputado de Deportes lembrou que tamén se atopa aberto o prazo para solicitar as axudas de 45.000 euros do Goberno da Deputación para pilotos de rali lucenses. Os interesados dispoñen ata o vindeiro venres, 17 de novembro, para presentar a súa solicitude, poden atopar o modelo en www.deputacionlugo.gal.

En total, concederanse 25 bolsas, das cales 2 serán para persoas con capacidades diferentes. As axudas terán unha contía mínima de 400 euros e máxima de 7.000 euros. Son de concorrencia competitiva. Están dirixidas a pilotos lucenses, federados e que participasen no 2016 nun mínimo de dúas probas organizadas polas federacións nacional ou galega de automobilismo.

A concesión estas axudas rexerase en base a criterios obxectivos e sociais, deste xeito, terase en conta o palmarés, o ránking oficial e a participación en probas federadas. Valoraranse positivamente as solicitudes de pilotos con capacidades diferentes, as de mulleres piloto e as de pilotos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.