Skip to main content
Actualidade

O Goberno da Deputación contribúe con 25.000 euros ao impulso dos máis de 5.500 comercios da provincia

Por 14 Novembro, 2017Sin comentarios

Os presidentes da Deputación e da Asociación Galega de Comercio asinaban o convenio.

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, asinaron este martes un convenio de colaboración mediante o cal o Goberno Provincial achega 25.000 euros a esta entidade para reforzar as actuacións en impulso dos máis de 5.500 comercio da provincia.

Campos Conde explicou que “con este investimento, contribuímos ao impulso do comercio, un sector que dá emprego a 12.500 lucenses, representando máis do 16% dos postos de traballo e o 13% do PIB da nosa provincia”. Seijas López amosou a súa “satisfacción” por esta colaboración, “recoñeceu a sensibilidade” do Goberno da Deputación co sector e apuntou que estes fondos permitirán potenciar a Oficina Técnica de Información e Asesoramento da Federación, que ofrece información e formación aos comerciantes da provincia. Tamén se destinan á posta en marcha de campaña de sensibilización e visibilización do comercio local.

“Queremos potenciar o comercio de proximidade, amable e de calidade; co que contamos nas nosas localidades, sendo un sector estratéxico para a economía dos Concello e, en xeral, da provincia”, subliñou o Presidente da Deputación. O Presidente da Federación engadiu que “onde non hai comercio non hai vida”.

O titular provincial puxo en valor o labor que dende hai 30 anos leva a cabo a Federación Galega de Comercio na provincia de Lugo e apuntou que “sempre teredes as portas abertas desta institución para xuntos seguir medrando e acadar novas metas”. Neste sento, Seijas López adiantou que o comercio da provincia de Lugo é o que máis está a medra de toda Galicia, por diante da media de España”.

Federación Galega de Comercio
A Federación Galega de Comercio nace en 1985 para dar resposta á incipiente crise que nese momento vivía o sector do comercio. As asociacións de comerciantes expuxéronse entón a necesidade de agruparse a nivel galego nunha Federación de Comercio que representase ao sector e defendese os seus intereses. Continúase desde entón como órgano de coordinación, representación, xestión, fomento e defensa dos intereses xerais e comúns dos seus membros.

Formada por catro Federacións Provinciais de Comercio (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), integra a un total de 150 asociacións sectoriais e locais, sendo a entidade máis representativa e única interlocutora ante as diversas entidades públicas, privadas e sociais dos 55.000 comercios que existen actualmente en Galicia.

A Federación Galega de Comercio desenvolve unha intensa actividade de programación e execución de plans formativos especialmente adaptados ás necesidades que presenta o sector comercial en Galicia. Estas iniciativas están encamiñadas á mellora da cualificación dos profesionais en activo, tanto traballadores como autónomos, que desenvolven a súa actividade no ámbito do pequeno comercio. Outras frontes de traballo son a dinamización dos Centros Comerciais abertos e urbanos, o impulso do asociacionismo empresarial, o desenvolvemento do comercio rural e a renovación comercial, entre outras cuestións de interese para o sector.