Skip to main content
Actualidade

Os traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia denuncian o seu cese fronte á contratación de empresas privadas

Por 16 Novembro, 2017Sin comentarios

A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (Atrifoga) critica nun comunicado “o cesamento, o pasado 12 de novembro, do persoal de tres meses do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais) de Galicia en contraposición cos traballadores de empresas privadas ou públicas con xestión privada e municipais que continúan no seu posto de traballo ou son contratados para a recuperación das zonas calcinadas polos incendios”.

O colectivo explica que “trala onda de incendios e a traxedia xurdiu o espírito solidario do momento e todos quixeron axudar… e como alguén da Administración manifestou hai pouco: os voluntarios axudan, pero necesítase
persoal profesional todo o ano”. Por iso dende Atrifoga “valoramos e agradecemos o traballo de todos os voluntarios, pero entendemos que non é a súa responsabilidade arranxar os problemas que veñen derivados de non ter un equipo profesional contratado todo o ano”.

Ata a Xunta recoñeceu que era necesario ampliar o tempo de traballo do persoal de tres meses do SPDCIF, pola situación que se estaba vivindo e que facía falta prolongar o dispositivo durante máis días; con todo, cesáronnos o 12 de novembro.

“Agora din que xa choveu, que xa non somos necesarios… A choiva arranxouno todo, pero as precipitacións foron mínimas, a porcentaxe de humidade é ínfimo, seguimos cunha seca extrema que fai que a biomasa vexetal poida arder con suma facilidade e continúan estando prohibidas as queimas”.

Pero, “espertámonos coa sorpresa de que estamos no paro (sen sequera dereito a subsidio debido a un contrato precario), mentres empresas como SEAGA e TRAGSA están a incorporar persoal para participar nos labores de recuperación forestal das zonas arrasadas polos incendios, a entidade privada Natutecnia segue operando con gran parte dos traballadores das bases de helicópteros e algúns Concellos, manteñen – nos seus persoais – a cuadrillas e condutores”.

ATRIFOGA denuncia a “hipocrisía do contratador, a Xunta de Galicia, e esa política forestal encamiñada a segmentar o Servizo e a dar beneficio a empresas de xestión privada, deixando na rúa aos seus propios traballadores públicos, que son profesionais competentes, que teñen vontade de traballar e que sairían máis baratos e rendibles. Ademais, ATRIFOGA lembra que as súas funcións non son só as da vixilancia e a extinción de incendios, senón as básicas tarefas de prevención, rexeneración forestal e emerxencias rurais”.

“Dirán que non hai diñeiro nin orzamentos, que non somos necesarios, que non hai risco de incendio, que as condicións climáticas son distintas -que son verdades a medias-, pero non poderán xustificar que falta persoal para recuperar os nosos montes cando o están contratando de maneira externa e privada”.

“Somos os 436 traballadores profesionais que o presidente da Xunta, Sr. Feijóo e a Conselleira do Medio Rural, Sra. Vázquez, eloxian ante as cámaras e dos que, rapidamente, se esquecen cando estas están apagadas”.