Skip to main content
Actualidade

Aprobado o Orzamento do Consorcio de Bombeiros con 4,9 millóns, aos que deben incorporarse outros 660.000 euros

Por 23 Novembro, 2017Sin comentarios

O Pleno do Consorcio de Bombeiros de Lugo contaba coa presenza de traballadores dos parques lucenses.

O presidente, Darío Campos Conde, informou que este xoves se celebrou no Pazo de San Marcos un Pleno do Consorcio de Bombeiros ao que puideron asistir os propios profesionais que prestan este servizo na provincia “para que teñan toda a información de primeira man e non traten de enganalos”, explicou Campos Conde.

Na sesión, aprobouse o orzamento para 2018 deste organismo, que legalmente financia ao 50% Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, tal e como recollen os Estatutos do Consorcio. É un presuposto inicial de 4,9 millóns de euros, pois, unha vez que se aproben as contas provinciais e autonómicas (legalmente non se pode facer antes), este debe incrementarse en 660.000 euros (330.000 da Deputación e 330.000 da Xunta) para poder equiparar as condicións salariais dos bombeiros de Lugo ao do resto de Galicia, tal e como demandan os propios profesionais e defende a Deputación.

Campos Conde adiantou que “ao igual que xa fixemos no 2017, no orzamento da Deputación para 2018 incluiremos os 330.000 euros da Deputación. Hoxe a Xunta aseguronos a todos durante o Pleno que este ano si vai a achegar a parte que lle corresponde, cedendo, ao parecer, despois dun ano de constantes demandas e reivindicacións. Agardamos que cumpran coa palabra dada para que, dunha vez por todas, poidamos igualar os salarios dos bombeiros da provincia de Lugo”.

Para poder incrementar o presuposto en 660.000 euros, o documento recolle que este “poderá ser ampliado ao longo do 2018 polo importe das cantidades aportadas polos entes consorciados para a modificación salarial do persoal que presta servizos os parques de bombeiros dependentes deste consorcio provincial”.

Nas contas para este ano, e maiores dos 4,9 millóns e dos previstos 660.000 euros que se deberán aportar, figuran partidas doutros 312.000 euros para investimentos cos que atender ás necesidades dos parques.

Modificación dos Estatutos e negociación colectiva
Cómpre lembrar que este ano nin tan sequera se puido incrementar as nóminas destes profesionais cos fondos que sí achegou a Deputación e que, polo tanto, quedaron nos remantes do organismo provincial de 2017, polos impedimentos legais para facelo e trámites. Isto requería da modifación dos Estatutos do Consorcio, que fixan que legalmente está financiado aos 50% por Deputación de Lugo e Xunta Galicia, que non quixo achegar a súa parte. Tamén se requería da previa negociación entre as empresas concesionarias e os traballadores para a modificación dos Convenios Colectivos, na que teñen que avanzar, entre outros trámites obrigatorios segundo a normativa vixente.

Cambio de xestión no 2019
Ao respecto do cambio no modelo de xestión cara o público no 2019, a Xunta asegurou que só o aceptaría se a Deputación asume as seguintes condicións, que presentou formalmente ao Pleno: “1) que a Deputación asuma os posibles incrementos de custes calquera se fose a súa natureza que, respecto das actuais empresas adxudicatarias do servizo puideran producirse durante o proceso de cambio ou como consecuencia deste, eximindo á Xunta de Galicia de calquera pago a este respecto. 2) que a Deputación asuma calquera consecuencia xurídica así como toda indemnización económica que derive das reclamacións que puideran xurdir por parte dos actuais bombeiros dos consorcios a raíz dos procesos selectivos que fora preciso realizar para o cambio do modelo de xestión. 3) que a Deputación asuma o custo económico a maiores do actual, de producirse, que para o mantemento do servizo puidera derivarse do sistema de xestión directa, tendo en conta que a Xunta de Galicia non asumirá a diferencia entre o custo acutal do mantemento dos consorcios e o que puidera supoñer no futuro”.

Todo isto, cando a Xunta financia nun 50% os parques de bombeiros de Lugo e nun 61% os de Ourense. Se a Deputación non asume as condicións da Xunta, esta non está disposta a crear nin tan sequera un grupo de traballo no sedo do Consorcio que avance cara o cambio de xestión dos parques no 2019, que é cando rematan os contratos coas empresas concesionarias deste servizo. Este grupo de traballo foi solicitado polo Presidente da Deputación de Lugo pois, ata o de agora, só traballaron conxuntamente as Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, elaborando os informes xurídicos e económicos que avalan o cambio de xestión cara o público. É necesaria a implicacón da Xunta como responsable legal do 50% do Consorcio. Sen embargo, a administración autonómica sempre se mantivo ao marxe e a Deputación de Ourense opúxose dende o primeiro momento ao cambio do modelo actual, que é o da xestión indirecta.

Bolsa de traballo e cumprimento das empresas
A petición de Campos Conde e ante as reclamacións dos traballadores, o Consorcio Provincial de Bombeiros esixirá ás empresas adxudicatarias a convocar e crear unha bolsa de traballo pública á que recorrer no caso de necesitar persoal. Hoxe aprobaronse as condicións deste proceso. Tamén se acordou contratar a elaboración dun ditame sobre o grao de cumprimento dos pregos por parte das concesionarias.