Skip to main content
Cultura TERRACHÁXATERRACHÁXA

‘Mini e Mero: Labrando para sementar’ recolle a súa peripecia vital coa colaboración de 51 amigos e amigas

Por 21 Novembro, 2017Sin comentarios

Xulio Xiz recolle a peripecia vital de dous homes da música, da escrita e da galeguidade no libro Mini e Mero: Labrando para sementar facendo un percorrido polo seu labor destes anos, con atención especial á súa especial intervención na creación e potenciación de Fuxan os Ventos, e logo no grupo A Quenlla, sempre en defensa do galego, da música e do país; con numerosos discos, publicacións de todo tipo, actuacións e actividades, conferencias, e participación en todo tipo de actos, con entrega absoluta ao labor de recolleita e divulgacion da música popular deste país.

Neste libro, no que ten principal papel Xesús Mato, así como Alfredo Garrido, que foi o entón directivo da multinacional que editou os discos de Fuxan os ventos e agora editor dos discos de A Quenlla, participan un total de 51 amigos dos homenaxeados que aportan cada un deles a especial visión que teñen destes dous persoeiros da música que foron galardoados co Pedrón de Ouro, Galegos da solidariedade, Galicia Martir, Mestres da Memoria, Promoción da Terra ou Facer País… e un sen fin de recoñecementos que culminan en Vilalba, na súa Terra Chá (Mini naceu en Baamonde e Mero en Vilalba; os dous en 1951), coa dedicación dun hectómetro literario.

Ademais, este libro achéganos á súa historia conxunta, musical e vital, por ser o momento axeitado para recontar feitos e aclarar cuestións que ata agora foron quedando esvaídas no decorrer do tempo.

O libro, de 192 páxinas, editado a toda cor, está publicado por Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá, entidades impulsoras do Paseo dos soños en Vilalba, e da súa dedicación a creadores e persoeiros vencellados á Chaira, e poñerase en circulación con motivo deste acto de homenaxe a Xosé Luis Rivas “Mini” e Baldomero Iglesias “Mero”.