Skip to main content
ActualidadeCospeito

Os socialistas de Cospeito critican que o Concello non contemple a amortización da débeda nos orzamentos para o 2018

Por 17 Novembro, 2017Sin comentarios

O Concello de Cospeito aprobaba en pleno os orzamentos municipais para o 2018 coa abstención dos socialistas que cren que “ao contar con superávit deberían contemplan a amortización da débeda do Concello”.

A voceira socialista, Rosa Morán, recorda que o incremento dos ingresos é puntual e derivado do cobro dos atrasos do IBI e do incremento do imposto para determinadas construcións agrarias. Pero, tendo en conta que “o Concello de Cospeito ten débeda de atrás, nun exercicio no que hai arredor de 700.000 euros de superávit se debería intentar amortizar a débeda de 2.305.000 euros dun préstamo que o solicitara no 2012 e do que ata o momento non se ten amortizado nada, senón que só se achegan intereses e se piden carencias”.

De feito, o Concello volveu pedir unha carencia de tres anos. Por iso os socialistas cren que “o alcalde terá pensado seguirse presentando e gañando as eleccións porque deixará ao seguinte alcalde cunha débeda de máis de 2 millóns de euros de herdanza despois de 26 anos no goberno”.

Ademais, recorda que “se non houbera débeda, o Concello non estaría sometido a un Plan de Axuste que limita as súas accións económicas. Outros Concellos poden rebaixar o tipo impositivo do IBI ou ofrecer algún tipo de redución nos impostos a determinados colectivos coma os agricultores ou gandeiros, por exemplo”.

Falta de “proxectos concretos”
Por outra banda, os socialistas critican que “as partidas destinadas a obras non se relacionen con proxectos concretos”. A voceira local explica que “contemplan partidas para arranxo de vías, abastecemento de augas ou alumeado público, pero ningunha dirixida a un proxecto concreto cando o Concello debe coñecer a parte que lle toca pagar dunha obra para a que ten solicitado subvencións doutros organismos”.