Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A CIG denuncia improvisación e precariedade na xestión de emerxencias no ámbito do GES de Guitiriz

Por 17 Novembro, 2017Sin comentarios

A CIG denuncia a situación de improvisación, descoordinación e precariedade que se está a producir na atención ás situacións de Emerxencias desde o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Guitiriz que da cobertura aos Concellos de Begonte, Friol, Guitiriz e Xermade.

O GES de Guitiriz atópase na actualidade só con 10 compoñentes dos 12 que en realidade debera ter. Este déficit de persoal é absolutamente inadmisible toda vez que é producido por unha política de persoal absolutamente neglixente da alcaldesa de Guitiriz, posto que hai un traballador que gañou a nulidade do despido no xulgado do social, e que na vez de readmitilo, optou por mantelo sen traballar, mentres non se resolve o recurso diante do TSXG presentado polo Concello. E igualmente no mes pasado a alcaldesa optou polo despido inxustificado dun operario do GES, o cal promovera varias denuncias contra o Concello polos incuprimentos nos establecido no Convenio dos GES e no Convenio Colectivo do Concello”.

O Secretario Organización CIG Lugo-A Mariña, Lois Neto López, cre que “esta situación é altamente gravosa para un servizo da importancia social como é o de Emerxencias, posto que actualmente se está a atender nunhas condicións moi deficitarias, e do cal dependen vidas humanas”.

“Actualmente estase a dar con certa frecuencia que no GES de Guitiriz estea un só traballador prestando servizo. De feito, nas últimas datas xa se produciron varias alertas nas que só había un traballador de garda, como foron o caso dun accidente en Friol que precisaba excarcelación, o incendio dunha casa tamén en Friol, ou o rescate dunha persoa de avanzada idade no Concello de Begonte e que quedou pechada. A alcaldesa para dar resposta a estas incidencias estableceu un sistema de gardas no domicilio para no caso de xurdir algunha emerxencia vaian de reforzo ao traballador que está de servizo. Máis esta medida é claramente neglixente toda vez que atenta contra un elemento básico nunha situación de emerxencia como é o tempo de resposta ao mesmo podendo supor un perigo claro para a vida das persoas, xa que desde o momento no que salta a alerta da emerxencia ate que chegue o reforzo que está de garda poden pasar 15 ou máis minutos”.

“A esta situación hai que sumarlle o importante déficit de medios e EPI´s dos que carece o servizo en Guitiriz e que xa está denunciado á inspección de Traballo e ao que, de momento, o Concello non deu corrección”.

Dende a CIG cren que é “igualmente neglixente a actitude da Xunta de Galicia que tendo a competencia de Emerxencias está a mirar para outro lado no caso do GES de Guitiriz, despois de que xa hai varios meses que traballadores do servizo lles tiveran informado da situación e que non tomaran negunha alternativa sobre o asunto”.

Así, “desde a CIG entendemos que esta situación é inadmisible e mesmo podería ser constitutiva de delitos de omisión de socorro ou similares, polo que instamos a que sexa correxida de imediato, posto que senón estudaremos a posibilidade de iniciar medidas xudiciais contra os responsableis desta situación, toda vez que tras diversas denuncias e rquerimentos, ninguén se fai responsable da situación, nin adopta as medidas precisas para a súa corrección”.