Skip to main content
A PastorizaActualidade

Medio Ambiente inicia os traballos de limpeza de cinco puntos de vertido incontrolado na Pastoriza

Por 8 Novembro, 2017Novembro 23rd, 2017Sin comentarios

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia os traballos para o selado de cinco puntos de vertido incontrolado no concello da Pastoriza. Trátase dunha actuación medio ambiental incluída nunha campaña do Goberno galego para erradicar máis de 65 puntos inventariados que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses do actual ano e nos que investirá 400.000 euros.

Inician os traballos de eliminación do vertedoiro incontrolado de lixo en Loboso.

Os puntos de vertido incontrolado son pequenos focos nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de moi distinta natureza, co prexuízo que isto ocasiona no entorno, tanto dende o punto de vista ambiental como estético. No caso do concello da Pastoriza, actuarase en cinco zonas: en Loxilde, Castrillón, Loboso, Campo de Oso e Curras. O material que se adoita a localizar neste puntos de vertido incontrolado consisten en obxectos domiciliarios, pequenas obras de edificación e de urbanización, como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción.

Os traballos de acondicionamento consistirán na recollida, clasificación e retirada do material, na revexetación mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira. Estes traballos supoñen un investimento de preto de 48.000 euros.

A limpeza destes puntos permite minimizar e corrixir os impactos orixinados, logrando a integración do lugar co seu entorno e eliminar o hábito que na poboación existe de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos
Este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras instalacións, como son puntos limpos.

O obxectivo destes programas é facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).