Skip to main content
ActualidadeVilalba

UUAA informa na comarca sobre a mobilización contra o abandono do rural

Por 13 Novembro, 2017Sin comentarios

Unións Agrarias promove unha mobilización na alameda de Santiago de Compostela para o vindeiro sábado 18 de novembro a partir das once e media da mañá baixo o lema “Non ao abandono do rural”.

Dende a organización agraria cren que “os gobernantes están ausentes” provocando lumes pola ausencia dunha política forestal. Tamén recriminan as políticas sobre a fauna salvaxe (lobos e xabarís), un IBI abusivo -“catastrazo”-, persecución fiscal na cesión dos dereitos de Pago Único e a falta de actuacións ante o cambio climático que provoca grandes xeadas e secas. Por outra banda, defenden que “o peche das escolas tamén contribúe á desaparición das aldeas” e o peche dos centros de saúde contribúen á diminución da calidade de vida da poboación; a falta de transporte, o seu illamento; e a falta de acceso ás novas tecnoloxías provoca a coñecida coma “fenda dixital”. Igualmente, cren que “a ausencia de políticas de igualdade contribúen ao envellecemento e despoboamento” do rural.

O sindicato chama á participación da cidadanía porque “o abandono do rural pon en perigo comercios e negocios”.

Charlas informativas
UUAA organiza charlas previas á mobilización na comarca chairega. O martes 14 desenvolverase no hostal Terra Chá de Vilalba a partir das doce do mediodía e o mércores 15, na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea á mesma hora.