Skip to main content
ActualidadeVilalba

En Marea consegue que se paralice a poxa dos xacementos de Pena Grande e que se cedan gratuitamente ao concello de Vilalba

Por 30 Novembro, 2017Sin comentarios

Miguel Anxo Fernán Vello no Congreso con Montoro.

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, confirmou este xoves co ministerio de Facenda que finalmente se paralizará a poxa dos xacementos de Pena Grande e que cederá os terreos de xeito gratuito ao concello de Vilalba.

En Marea presentou varias iniciativas no Congreso para paralizar esta poxa, pero dada a urxencia e o constreñido dos prazos da poxa, que tiña previsto celebrarse o 15 de decembro, Fernán Vello decidiu dirixirse directamente ao Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no pleno Congreso.

“Esixinlle en nome de En Marea retirar de imediato a poxa destes terreos e proceder a cedelos ao concello de Vilalba ou á Xunta a fin de poñelos en valor”, asegura o deputado. Montoro “amosouse receptivo” na conversa mantida con Fernán Vello e aseguroulle que faría xestións canto antes para solucionalo.

O deputado de En Marea por Lugo quere amosar a “súa satisfación por ter conseguido parar un auténtico despropósito”. “Estaba en xogo o noso patrimonio, os nosos vestixios do Paleolítico, que ían ser vendidos sen ter en conta o seu alto valor histórico e cultural”.

Neste sentido, agradeceu a receptividade do ministro que foi quen de escoitar a demanda de En Marea, que en definitiva contiña a demanda social, de organizacións culturais e colectivos diversos “para que se paralizase unha barbaridade tecnócrata”.

Fernán Vello afirma que “debemos aproveitar este tipo de feitos para reflexionar a fondo sobre a situación e o estado no que se atopa unha boa parte do noso patrimonio arqueolóxico ou histórico-cultural para que non domine o abandono nin a indiferenza, e sobre todo, evitar que as propias Administracións practiquen o desleixo absoluto”.