Skip to main content
ActualidadeVilalba

Entregan as sinaturas para reclamar a recuperación dun servizo de transporte ás parroquias vilalbesas

Por 30 Novembro, 2017Sin comentarios

Edificio administrativo da Xunta en Lugo.

Unha representación de veciños e veciñas das parroquias de San Simón, Samarugo, Lanzós, Corbelle e Goiriz entregou este xoves no Rexistro do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo as sinaturas recollidas para pedir a implantación das liñas de autobús regulares das que desfrutaban ata a posta en marcha do novo Plan de Transporte este pasado mes de agosto.

Despois de semanas de mobilización, os e as responsables da recollida de apoios presentaron unha instancia dirixida á Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, acompañada de centos de sinaturas de usuarios e usuarias do antigo servizo, así como doutras que quixeron solidarizarse coa súa reivindicación.

Amosando o seu agradecemento pola notable acollida desta iniciativa popular, expresaron a súa esperanza de que a forza da mobilización sirva para lograr a recuperación do servizo de transporte suprimido. Considérano un ben de interese público e unha necesidade para garantir non só o mantemento da súa calidade de vida, senón tamén a das futuras xeracións.

Ao mesmo tempo, convidaron aos distintos partidos políticos con representación no Concello de Vilalba a perseverar no seu traballo para buscar solucións a un problema que, de non ser atallado polas administracións competentes, suporía o illamento permanente das parroquias afectadas.