Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Que non se queixe

Por 11 Decembro, 2017Decembro 13th, 2017Sin comentarios

Todas sabemos que ante calquera agresión sexual debemos denunciar, pero só un pequeno porcentaxe de mulleres fai efectiva esa denuncia ¿Por qué? Entre outras cousas porque nun gran número de casos as vítimas denunciantes serán as xulgadas, e contrariamente ao habitual, terán que demostrar que elas son inocentes.

En primeiro lugar debe probar que non teñen culpa do que pasou, cousa difícil se parte da culpa botámoslla ao feito de estar onde non debía. Cantas veces non escoitamos: “se non estivese de festa, se non fora pola rúa a esas horas, se non falase con aquel (ou aqueles) homes, se non fose a bares… non pasaría nada”. Se se arriscou e fixo calquera de estas cousas (o que en definitiva, ven sendo vivir), é cousa súa; así que logo, que non se queixe.

En segundo lugar terá que demostrar que non quería que a agredise e que se resistiu. Se transgrediu todas as normas do parágrafo anterior estando onde non debía estar, deberá deixar patente que demostrou a súa negativa dende o principio ata o final, é dicir, se sorriu, bailou, falou, se deixou convidar, ou se bicou con esa persoa… pero despois non lle apeteceu que pasase nada máis, non vale. Que non se queixe, non se pode mandar sinais equivocados que poñan en marcha a maquinaria e logo pretender parala. Deberá demostrar, tamén, que se resistiu. Antigamente, as mulleres quitábanse a vida antes de que as violaran, aí non quedaba dúbida da resistencia. Se non o fixo e segue viva, pode expoñerse a que a xuíza lle pregunte se pechou ben as pernas. Unha muller decente prefire calquera cousa a ser violada. En conclusión, se tampouco ofreciches tanta resistencia, que non se queixe.

En terceiro e ultimo lugar, a vítima debe parecer unha vítima e non tentar continuar coa súa vida. Para que sexa unha verdadeira agresión, debe afundirse e non levantar cabeza, deixando claro que a súa vida rompeuse de xeito irremediable, calquera outra reacción, calquera intento de normalidade dará a entender que está no camiño de tentar superalo, polo tanto se non foi tan grave para que aínda teña ganas de vivir, que non se queixe.

Todo isto e o que está vivindo e revivindo a rapaza agredida nos San Fermíns pasados, un cuestionamento total da súa vida antes, durante e despois da agresión. No imaxinario colectivo segue vixente a idea de que a sexualidade masculina é como unha especie de forza hidráulica que unha vez posta en marcha non se pode deter. Segundo esta explicación, se unha muller non quere manter relacións sexuais, non debe poñer en marcha esa maquinaria. Este presuposto fundamenta todas as campañas preventivas dirixidas ás mulleres: non provoques, non te expoñas, non te arrisques, non vaias soa, non te vistas así… e se o fas, logo non te queixes porque en realidade, (gran) parte de culpa é túa.

Do mesmo xeito que ninguén se lle ocorre botar a culpa aos bancos dos roubos que lles suceden porque están cheos de cartos, deberíamos entender que a culpa dunha violación tena sempre o violador.

Lara Real Lema
Psies Psicoloxía