Skip to main content
ActualidadeMeira

O Goberno da Deputación renova a traída de auga no barrio da Enfermería en Meira

Por 11 Decembro, 2017Decembro 13th, 2017Sin comentarios

Álvaro Santos explicando os asuntos aprobados na xunta de goberno.

O voceiro do Executivo da Deputación, Álvaro Santos Ramos, avanzou a aprobación na Xunta de Goberno deste luns de investimentos por valor de 190.000 euros para melloras en dotacións públicas de núcleos rurais de 8 Concellos.

Santos Ramos fixo fincapé na reparación da traída de auga potable do barrio da Enfermería, nas Casasnovas, en Meira. Trátase dunha obra que financia na súa totalidade o Goberno da Deputación con 27.000 euros para pór fin aos cortes de auga producidos por mor da seca e polas fugas da rede existente. Son un total de 60 os veciños da zona que se beneficiarán directamente destas melloras, que consistirán na reposición das válvulas e das tubaxes

Santos Ramos apuntou que “facémolo dende o Goberno da Deputación a pesares de que é a Xunta de Galicia quen debería actuar pois é a administración que cobra o canon da auga aos veciños da nosa provincia. Pero o que fai despois é repartir este canon a dedo en Concellos gobernados por Concellos do PP, cando debería ser reinvestido na mellora das traídas e redes de auga do rural”.

Na sesión deste luns, aprobáronse ademais obras de rehabilitación de estradas, accesos ou locais sociais, por valor de 163.000 euros, coas que o Goberno da Deputación reivindica, dentro da aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, a igualdade de oportunidades vivas onde vivas. Estas son:

– 96.000 euros na mellora dun treito de 2 quilómetros da estrada LU-P-2801, que vai de Santo Tomé por Adriano e a Augaxosa a Mazo, no Concello de Riotorto, entre os puntos quilométricos 9 e 11.
– 11.678 euros na rehabilitación de estradas en Cumbraos, en Monterroso.
– 11.939 euros na mellora de camiños en Aradelas, en Monforte de Lemos.
– 11.990 euros no acondicionamento do acceso ao núcleo de Vilaluz, en Cervantes.
– 11.981 euros na rehabilitación do acceso a Fitoiro, na Pastoriza.
– 8.349 euros na melloras viarias en Cuiñas, na Fonsagrada.
– 10.460 euros no acondicionamento do local social de Campos de Vila, Revide e A Toca, en Quiroga.