Skip to main content
ActualidadeMeira

Gaitafilmes organiza en Meira o festival de curtas M de cine

Por 27 Decembro, 2017Sin comentarios

O 30 de decembro a Casa da Cultura de Meira acollerá o festival de curtas M de Cine, que cumpre este ano a súa oitava edición.

O evento, organizado por Gaitafilmes, está adicado á memoria de Xosé Salgado (Xose da Flor), falecido o pasado mes de novembro e que foi un dos impulsores deste festival, ó igual que doutras moitas actividades culturais, como presidente da Asociación Cultural Eme de Meira. O M de Cine forma parte dun amplo programa de actividades que coordina esta asociación, e conta coa colaboración, ademais de Eme de Meira, do Concello de Meira, a Deputación de Lugo e Microefectos Dramatúrxicos.

A xornada arrincará ás 18:30 coa peza de teatro ‘Magic Man’ de Microefectos Dramatúrxicos, en homenaxe a Xose da Flor. O programa continuará coa proxección de cinco curtametraxes galegas: Matria, Einstein-Rosen, Cat in the Window, Escarabana e Amanece Despejado . Entregarase o ‘Premio Xose da Flor’ á curta gañadora, que será elexida coa votación do público asistente.

Como vén sendo habitual en todas as edicións do M de Cine, o humor será outro dos protagonistas na xornada. O evento será conducido por dúas divertidas nubes e non faltará o mítico “test meirego” con preguntas aos veciños e veciñas da vila.

A xornada rematará coa proxección da longametraxe Dhogs. Haberá dous pases, un ás 21:30 e unha sesión golfa ás 23:30. Xa non quedan entradas para a primeira das sesións, pero poden recollerse para a segunda de forma gratuíta nos bares Centro, Tibor e Pedreira, ademais da Casa da Cultura de Meira. Na presentación ademais dos membros de Gaitafilmes (Andrés Goteira, Suso López, Adrián Folgueira e Laura Doval) estarán os actores Antonio Durán ‘Morris’, Miguel de Lira, María Costas, Melania Cruz e Xosé López.

PROGRAMA:

18:30. “Magic Man (de Meira)”. Peza de microteatro do grupo Microefectos Dramatúrxicos en homenaxe a Xose da Flor > Test Meiregos > Curtas: Matria, Einstein-Rosen, Cat in the window, Escarabana, Amanece Despejado.

21:30. Estrea Dhogs (Entrada gratis con invitación)*. > Entrega do Premio Xose da Flor á mellor curta.

23:30. Sesión golfa Dhogs (Entrada con invitación)*.

(*) Invitacións nos bares Centro, Tibor, Pedreira e na propia Casa da Cultura. Se sodes de fóra, podedes escribirnos a quenvai@dhogsfilme.com para reservar a vosa invitación.

(**) Dhogs. Película non recomendada para menores de 18 anos. Organiza Gaitafilmes con colaboración do Concello de Meira, a Deputación de Lugo, Microefectos Dramatúrxicos e a Asociación Cultural Eme de Meira.

CURTAMETRAXES:

MATRIA (2017)

Director: Álvaro Gago

Con: Eulogia Chaves, Pilar Fragua, Marta Resille, Ramón Martínez, Marta Resille, Sara Dios, Janet Romero.

Sinopse.Ramona vive co seu marido, con quen apenas se comunica e traballa nunha fábrica de conservas, gobernada por unha encagada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que lle une á súa filla e á súa neta.

Festivais máis importantes: Sundance 2018, Seminci 2017, Alcine 2017

ESCARABANA (2017)

Directora: Sara Casasnovas

Con:Iván Marcos, Ana Oca, Sara Casasnovas.

Sinopse: A fame, a bruma, a fuxida. Unha parella atrapada na eternidade. Unha viaxe sen fin cara á propia natureza, conducindo cadillacs e escapando do sol.

EINSTEIN-ROSEN (2016)

Directora: Olga Osorio

Con: Teo Galiñanes, Óscar Galiñanes, Xúlio Abonjo, Ricardo de Barreiro.

Sinopse. Verán do 82. Teo asegura que atopou un buraco de verme. O seu irmán Óscar non lle cre… Polo menos de momento.

AMANECE DESPEJADO (2017)

Directores: María Vázquez e Bruno Máez

Con: María Vázquez, Melania Cruz, Dani Lago, Antonio Pereira, Modesto García, Delia Lorenzo e Iñaki Díaz.

Sinopse: Hoxe é un día importante para María: vai dar unha conferencia sobre o famoso escritor de ciencia ficción Philip K. Dick.

CAT IN THE WINDOW (2017)

Director: Félix Brixel

Con: Marin Laufenberg

Sinopse. Marin imaxínase como será o seu futuro cando envelleza. Pronto admitirá que o que a impulsa a un futuro solitario en Alaska é o medo a ocuparse dos demais. Sen embargo, unha man sacará o seu autorretrato dun lago e poñerá a secalo nunha mesa. A dor, e ao mesmo tempo o calmante de Marin, é esa man que nunca deixará que se vaia.