Skip to main content
Actualidade

A Xunta subvenciona o arranxo de camiños rurais en quince concellos chairegos

Por 17 Xaneiro, 2018Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria do Plan marco de mellora de camiños municipais destinado aos concellos e a través do cal a Consellería do Medio Rural concede subvencións aos gobernos locais para o arranxo de pistas. O orzamento previsto é de 15,9 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades (2018-2019) de 7,99 millóns cada unha.

No caso concreto da provincia de Lugo, os municipios repartiranse máis de 4,1 millóns de euros para investir no arranxo dos seus camiños. Respecto ao reparto de fondos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) acordou no seu momento coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de distribución cunha base fixa de 15.000 euros por localidade e en base a conceptos como número de habitantes, a superficie, o peso do agro, así como o grao de envellecemento ou despoboamento. Ademais contémplase un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados. Os gobernos locais terán un mes a partir de mañá para presentar a súas solicitudes.

O obxecto destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Quedan excluídas, en cambio, as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

O importe mínimo para cada unha das actuacións (calculado sobre a base do orzamento de execución material máis os gastos xerais e beneficio industrial) deberá ser igual ou superior a 6.000 euros. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2018 será o 17 de setembro de 2018. O prazo final de xustificación será o 3 de xuño de 2019.

A distribución de fondos por concellos chairegos é a seguinte:

  • Abadín: 78.754 euros
  • A Pastoriza: 69.638 euros
  • Begonte: 62.837 euros
  • Castro de Rei: 76.439 euros
  • Cospeito: 79.984 euros
  • Friol: 97.765 euros
  • Guitiriz: 89.588 euros
  • Meira: 38.333 euros
  • Muras: 54.118 euros
  • Outeiro de Rei: 68.427 euros
  • Pol: 58.169 euros
  • Riotorto: 39.567 euros
  • Rábade: 29.677 euros
  • Vilalba: 111.746 euros
  • Xermade: 64.460 euros