Skip to main content
ActualidadeVilalba

Fernán Bello resume en Vilalba as iniciativas presentadas en Madrid en favor da comarca

Por 24 Xaneiro, 2018Sin comentarios

O voceiro de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, visitou Vilalba en compañía do concelleiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, onde informou da actividade parlamentaria realizada no Congreso en relación á comarca da Terra Chá.

O deputado destacou especialmente as xestións feitas perante o Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, para que paralizase a subasta dos terreos do conxunto arqueolóxico de Pena Grande. “Unha operación que era un absoluto ataque ao noso patrimonio” e cuxo resultado positivo após das conversas co Ministro “supuxo unha das maiores satisfacións parlamentares”. No eido patrimonial, tamén falou das iniciativas presentadas en relación ao mal estado da Torre de Caldaloba.

Explicou a resposta que acaba de dar o Goberno poñendo de manifesto que “nin a Xunta nin o concello de Cospeito dirixiron peticións para obter cooperación financeira para o mantemento da Torre de Caldaloba”. O voceiro de En Marea alertou ao Goberno sobre o perigo de derrube  deste monumento histórico que está declarado BIC e pediulle axudas do 1,5% do Ministerio de Fomento para evitar a súa perda.

Dada a resposta de Fomento, “está claro que tanto a Xunta como o concello deben moverse, e unha das vías é a de solicitar fondos do 1,5% cultural canto antes”.

Fernán Vello tamén explicou que ao Congreso “levamos outras problemáticas como as que atinxen ao eido medioambiental cos vertidos no río Azúmara. “Hai case un ano que pedimos unha investigación ao Seprona por un delito medioambiental que está a deteriorar un río que na súa desembocadura ten unha enorme riqueza e é unha zona tradicional de pesca”. Os vertidos repítense sen que se adopten medidas. “Na resposta do Goberno indicaban que non coñecían a autoría e que non tiñan constancia de que o foco contaminante chegase ao Miño”. Miguel Anxo Fernán Vello trasladouse á zona do río Azúmara para manter un encontro con veciños  sobre esta problemática e anunciou que “voltaremos pedir explicacións ao Ministerio de Medio Ambiente a ver se a raíz dos vertidos de agosto existen dados e a ver se se adoptan medidas como sancións”.

O portavoz de En Marea tamén aludiu ás iniciativas rexistradas no Congreso en materia de Fomento como as relativas á denuncia das deficiencias de seguridade vial na coñecida como rotonda de Grandisca, onde se unen a autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) e a autovía do Cantábrico A-8. “Sabédelo ben os habitantes de Vilalba que esta rotonda ten moi mala visibilidade”.  Pedimos ao Ministerio a súa adecuada iluminación, “mais a resposta de Fomento non puido ser máis decepcionante. “Díxonos que nin o tronco nin os enlaces da autovía A-8 xustifican a iluminación. Negativa ante unha petición lóxica e sinxela. Así actúa Fomento”.

No ámbito ferroviario, son numerosas as iniciatias presentadas no Congreso para demandar máis servizos ferroviarios en todo o territorio lugués, “o máis deficitario en materia ferroviaria”. Neste sentido aludiu ás demandas da veciñanza para que se incrementen os servizos en Guitiriz, “forma parte do mesmo problema xeral que sofre Lugo: o nulo investimento no tren e a falla de servizos deste necesario medio de comunicación”.

Outra das batallas de Fernán Vello está centrada na demanda de supresión dos numerosos pasos a nivel que aínda quedan como en Rábade, en Guitiriz, “que supoñen un enorme perigo polo paso de veciños nas tarefas diarias. O Plan de supresión de Fomento é parco, vai lento, e non comprende a eliminación de moitos destes cruces que a estas alturas non deberían existir”.