Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Longa vida aos calcetíns rechamantes

Por 20 Febreiro, 2018Febreiro 22nd, 2018Sin comentarios

Por Cecilia F. Santomé

Atrás quedou o tempo no que os homes de negocios combinaban discretos calcetíns de media con zapatos Oxford ou mocasíns e as mulleres apostaban pola súa versión transparente. Que lonxe semella aquela época na que os modelos deportivos, brancos e con mínimas concesións á imaxinación nas poucas raias que os adornaban, eran o pan noso de cada día en materia de estilo. Por fin os pés deixan de ser os grandes esquecidos nos looks e reclaman o seu papel protagonista. A súa mellor credencial? A tolemia polos calcetíns rechamantes que arrasa nas rúas.

Hai quen atribúe o seu ascenso ao Olimpo dos complementos á irrupción nas nosas vidas da estética hipster, outros din que é unha consecuencia inevitable da expansión do “athleisure”. Mesmo se pode ver nel a man de Alessandro Michele e o selo que está a imprimir en Gucci –cheo de fórmulas efectistas e mesturas imposibles-, animando os prescritores de moda a realizar escollas máis arriscadas.

Sexa como sexa, o certo é que os calcetíns rechamantes son a nova gravata, o novo bolso, o último convidado á lista dos accesorios que serven para marcar status e sobresaír entre tanta homoxeneización mainstream.

E poida que neses dous principios resida parte do seu éxito presente. Porque co infinito abano de cores, estampados, motivos pop e texturas que admiten, son un verdadeiro lenzo (que non en branco) sobre o que debuxar a personalidade de quen os loce. Todo un factor de individualización.

Con pantalóns de tubo ou de traxe e os baixos arremangados, con saias curtas ou midi,  os calcetíns de hoxe están pensados para presumir deles. En case calquera contexto e con practicamente calquera outfit. Se a primavera-verán de 2017 asistiu á eclosión do tándem sandalia + calcetíns en contraste (polo que apostaron desde Miu Miu a Mary Katrantzou, Off White ou Marc Jacobs), 2018 promete dar que falar pola omnipresencia destes en versión deportiva. Vetements, Anna Sui e Band of Outsiders son só algunhas das marcas que recuperan ese patiño feo do fondo de armario.

Os suecos Viktor Tell e Mikael Söderlindh, fundadores de Happy Socks, foron os pioneiros neste mercado florecente. Despois deles, chegarían outras marcas como Mr. López ou Jimmy Lion, que contribuíron a facer de España toda unha potencia en deseño de calcetíns con vocación creativa. Tal é o boom experimentado que no madrileño barrio de Chueca existe xa un mercado dedicado a eles en exclusiva. O Socks Market é o soño húmido de calquera “sockaholic”. Flamengos, piñas, cactos …: non hai elemento que marque tendencia que non conte co seu correspondente modelo.

E entre tantas fontes de inspiración, tamén hai un oco para Galicia. SomosOcéano, co seu orixinal empaquetado en forma de lata de conserva, exporta o sabor da nosa terra en forma de calcetíns con áncoras, hórreos, gaiteiros, cabaliños de mar, polbos ou vieiras. Para Ana Carpintero Alonso, a fundadora da firma viguesa, o segredo da efervescencia desta fórmula de negocio radica en algo moi sinxelo: ofrecer un produto en aparencia humilde cun xiro inesperado.

Justin Trudeau (Primeiro Ministro do Canadá), Pelayo Díaz, Justin Bieber, a estilista Blanca Miró ou a polifacética Alexa Chung son algúns dos militantes desta causa. Porque onde hai cor, hai alegría.