Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Xunta destaca a Queixería Prestes como un exemplo de evolución

Por 19 Febreiro, 2018Sin comentarios

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron a empresa vilalbesa Queixería Prestes, dedicada á produción e comercialización de ata dez variedades de queixo, entre eles queixo San Simón da Costa e queixo azul, en España, Europa e Estados Unidos.

Argerey puxo como exemplo a esta empresa de como mesmo en sectores tradicionais como o agrolimentario se pode medrar grazas á innovación. De feito, Queixería Prestes pasou nun cuarto de século dunha produción artesanal e de ir vender os seus produtos polas feiras a unha produción industrial nunha planta de 3500 metros cadrados, na que traballan 14 persoas e da que saen 400.000 pezas de queixo ao ano.

A empresa Queixería Prestes recibiu o apoio da Xunta de Galicia na súa aposta pola innovación. Participou en dúas edicións anteriores da convocatoria Conecta Peme con proxectos para desenvolver produtos adaptados a sectores da poboación con alerxias e intolerancias alimentarias e para desenvolver alimentos funcionais aplicando tecnoloxías emerxentes como a nanotecnoloxía orientados a sectores da poboación con necesidades especiais, como a terceira idade.

Ademais, recibiu unha axuda en 2017 para contratar unha persoa dedicada a tarefas de I+D+i a través do programa Principia e participou na segunda edición da aceleradora de innovación centrada nos sectores agroalimentario, biotecnoloxía e biomasa, Agrobiotech Innovación. Grazas á participación nesta iniciativa conseguiu mellorar a súa estratexia de comercialización e internacionalización.

Argerey destacou que a estratexia de I+D+i da compañía encaixa perfectamente coa Estratexia de Especialización Intelixente da Xunta de Galicia que persegue, no seu primeiro reto, a modernización dos sectores tradicionais galegos, como o sector agroalimentario, a través da innovación e, no seu reto 3, a mellora da calidade de vida e unha alimentación saudable e segura en especial entre as persoas maiores a través da innovación.

Por último, a directora de Gain aproveitou para lembrar que se atopa actualmente aberto o prazo para participar no programa Conecta Peme 2018, dotado con 27 millóns de euros, para apoiar proxectos de I+D+i de agrupacións de empresas, con participación de pemes. Argerey apuntou que, a través desta liña de axudas, se agarda financiar arredor de 70 proxectos innovadores, que mobilicen uns 50 millóns de euros e nos que participen unhas 250 empresas. Conecta Peme persegue incrementar a I+D+i empresarial en Galicia co obxectivo de seguir aumentando a competitividade das empresas galegas e da economía.