Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

UUAA demanda solucións para os agricultores polos danos causados polo xabaril

Por 20 Marzo, 2018Sin comentarios

Unións Agrarias está a recoller nas súas oficinas queixas xeralizadas dos agricultores e gandeiros nas catro provincias galegas, polos danos das mandas de xabaríns en parcelas en produción, demandas que o Sindicato está a trasladar a cazadores e Consellería para a toma inmediata de medidas.

Dase a circunstancia de que estes danos se adiantan de xeito inusual, xa que entre o fin da tempada de caza (finais de xaneiro) e o comenzo da campaña da sementeira do millo, viña sendo habitual un certo descenso nos danos, polo efecto da caza, o que fai saltar todas as alarmas no agro fronte a inmediata campaña de sementeira do millo forraxeiro, principal cultivo de Galicia, e onde as explotacións gandeiras se xogan gran parte da súa rendabilidade económica.

O rural galego está a constatar o fracaso total do actual sistema de xestión das poboacións de xabaríns, que se están a descontrolar ata acadar niveis de praga no agro galego.

Situación que obrigará a sentarse a representantes dos agricultores, dos cazadores e da Xunta de Galicia, a fin de buscar un novo pacto social, e un novo sistema de colaboración dos TECOR e da Administración, que permita garantir a coexistencia da actividade agraria coa fauna cinexética e salvaxe, xa que actualmente todas as perdas son para o produtor agrario, nun escenario de aumento das poboacións de xabaríns e dos danos na agricultura e gandeiría que as medidas habituais de caza non logra controlar.

É moi frecuente que as explotacións agrarias teñan varias fincas que na práctica están inutilizadas para a produción de forraxe. Hai que ter en conta que os xabaríns levantan os prados, facendo impracticable a sega e o ensilado da herba, e imposibilitando o cultivo do millo nestas parcelas. Igualmente os xabarís constitúen un claro risco para o tráfico rodado, con máis 1,5 incidentes de tráfico diarios nas carreteras lucenses que non cubre o seguro básico obrigatorio de circulación, á vez que desequilibran as poboacións do resto da fauna silvestre, da que son predadores. Problema especialmente agudo nas zonas protexidas e Espazos Naturais, onde a caza e o control destas poboacións teñen limitacións legais. O descontrol das poboacións de xabaril polo tanto é un problema que nos afecta a todos, non só a agricultores e gandeiros.

Cómpre que a Administración enfronte o problema na súa complexidade, se poñan deberes reais de control de pobacións aos cazadores de forma que cada zona non teña máis animais dos que pode soster o ecosistema de xeito natural, sen ameazar as explotacións agrarias, e de forma que se arbitren sistemas de compensación de danos. Xa que non existen axudas compensatorias para os danos do xabaril dende o ano 2009, salvo a convocatoria excepcional da campaña do ano 2016, curiosamente ano electoral.

Hai que construir un novo marco legal e de colaboración que vaia por diante do problema, non poidéndose adiar máis a toma de medidas, ante un problema que se agrava cada ano, a pesar de que quedan menos explotacións e menos cultivos no rural. Os productores, non poden seguir sendo os paganos e mantedores da fauna salvaxe e cinexética en Galicia.

O Sindicato ademáis de esixir un novo pacto coa caza social e un novo marco legal que sexa eficaz para impedir que a fauna salvaxe bote á xente do rural, demanda para estes días un esforzo de responsabilidade aos cazadores, para que fagan batidas nestas zonas de repunte de danos, de forma previa á campaña da sementeira do millo. E de forma que atendan de xeito inmediato ás demandas dos produtores agrarios que estes días están a sufir perdas e ven ameazada a viabilidade das súas explotacións,  o seu sustento e o das súas familias.