Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE solicitará no Pleno que non se modifiquen as normas subsidiarias

Por 15 Marzo, 2018Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista de Vilalba trasladará unha crítica á recente modificación das normas subsidirarias que sentan as bases da regulación urbanística do Concello de Vilalba por entender que se realizaron de xeito unilateral, “ocultando as decisións tomadas á oposición”.

Segundo indican, o alcalde, Agustín Baamonde, anunciaba esta modificación “vendéndoa como necesaria e como parte da actualización e adaptación do urbanismo aos tempos nos que vivimos, mais a mellor forma de actualizarse é dotar de seguridade xurídica a planificación urbanística do Concello e a aprobación do PXOM que levan prometendo desde hai 14 anos”.

Neste senso, os socialistas amosan o seu desacordo con modificacións puntuais que non responden a un interese público inminente e que semellan parches ante a carencia dun Plan Xeral “por absoluta irresponsabilidade, pois durante moitos anos o señor Baamonde mirou cara outro lado mentras se ía construíndo unha Vilalba que destaca en toda Galicia polo seu feísmo urbanístico e tamén pola arbitrariedade na aplicación das normas”.

O Grupo Socialista critica principalmente o “escurantismo” na xestión desta modificación, pois “Baamonde non deu nin unha soa explicación nas comisións de urbanismo, tivémonos que enterar a través da prensa”, sinalan.

Dada esta situación, levarán unha moción ao pleno de finais de marzo na que solicitan que non se regulen as normas subsidiarias, a non ser por causa de interese público, á espera da aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal. “Parécenos o máis adecuado, levamos moito tempo esperando e xa non se entenden estas modificacións arbitrarias e unilaterais tendo sen aprobar a ferramenta máis importante de regulación urbanística para un Concello; as normas, a tempo, claras, e para todos iguais”.