Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta require unha resposta urxente do alcalde sobre a nave de Sancovade

Por 23 Marzo, 2018Sin comentarios

A asemblea de Vilalba Aberta vén de emitir unha resolución de urxencia, en consecuencia á total ausencia de resposta por parte do Goberno Municipal á solicitude que, hai aproximadamente un mes, a formación esixía por rexistro en relación á nave/desguace de Sancovade e na que se requiría por escrito a entrega de todo canto no último ano entrou e saíu do consistorio relativo á citada propiedade.

Denuncian “a vulneración do dereito á fiscalización política”, posto que o dereito de acceso á información dun concelleiro/a e no marco dunha investigación é significativamente superior ao de calquera outro cidadán, non debéndose aplicar a lei de transparencia, se non a xurisprudencia na materia. Unha reivindicación, explican, que atopa fundamento no artigo 23 da CE, relativo ao acceso á información e participación política e no cal se recoñece “o dereito do demandante ao acceso á copia da documentación solicitada sen restrición por razón de non atoparse en expediente normalizado”.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro e edil, Modesto Renda, quen acusou a Baamonde de estar a incorrer nun delito de prevaricación en base ao incumprimento, tamén, da Lei de Bases de Réxime Local, que no seu artigo 77 insta aos alcaldes a entregar os documentos e datos solicitados polos edís nun prazo non superior a 5 días.

É por isto, advirte, que acudirán “de facto” aos xulgados de non recibilos na súa totalidade nun prazo de 5 días, co fin de que “sexan as resolucións xudiciais e maila imputación de Baamonde, as que desbloqueen a parálise provocada polos intereses opacos do PP de Vilalba de ocultar e atrasar ao máximo a investigación sobre as actividades empresarias na nave”, sentenciou.