Skip to main content
Actualidade

Comeza en Lugo a Copa Deputación de fútbol e a Liga Provincial de Piragüismo

Por 20 Abril, 2018Sin comentarios

Coa Liga Regular a piques de rematar na maior parte das categorías, a Deputación Provincial aprobou este venres na Xunta de Goberno a posta en marcha da XXXV Copa Deputación de Fútbol e a VIII Liga Provincial de Piragüismo. Así o informou o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, quen apuntou que “destinamos 120.000 euros á promoción de ambos eventos deportivos, pois somos coñecedores da gran repercusión económica que teñen para o conxunto da provincia, así como para o impulso do deporte base lucense”.

Santos Ramos avanzou que “o torneo de fútbol reunirá a preto de 300 equipos, dende a categoría prebenxamín ata veteranos, entre os meses de maio e xuño. Trátase dunha edición especial, pois decidimos facerlle unha homenaxe a Jorge Tato Rey, xogador do Racing Club Vilalbés, que tristemente nos deixou fai dous anos. Pola súa parte, a Liga Provincial de Piragüismo comezará a finais deste mes e prolongarase ata setembro. Contará con seis probas nas que participarán de media uns 250 palistas, aos que se suman familiares e espectadores, o que da boa conta da relevancia desta competición para a nosa provincia, sendo un importante revulsivo económico”.

O Deputado de Relacións Institucionais subliñou que “mañá mesmo, nas instalacións do Pazo de San Marcos celebrarase o sorteo da Copa Deputación de Fútbol coa participación de representantes de todos os equipos participantes e de membros da Federación Galega de Fútbol”. O sorteo terá lugar a partir das 12:00 horas no Salón de Plenos da Deputación de Lugo.