Skip to main content
ActualidadeRiotorto

O Concello de Riotorto alerta dunha estafa de falsos comerciais de compañías eléctricas

Por 26 Abril, 2018Sin comentarios

O Concello de Riotorto vén de alertar aos veciños dun timo que se está a producir en diferentes zonas. O timo en cuestión é a oferta e máis descontos no consumo da tarifa eléctrica de Viesgo e Iberdrola, onde dous supostos comerciais solicitan a última factura da luz e os últimos catro dixitos do número de conta.

Ao parecer, estes estafadores din que a tarifa que se aplica non é a que está vixente e iso perxudica ao consumidor e xustifican a súa presenza pola cantidade de reclamacións que lles chegaron, prometendo baixar os posteriores recibos da subministración cunha cota fixa.  A táctica é sinxela, pídenche a última factura para comprobar os datos, na que figura o DNI e o número de conta bancaria. Tamén é posible que che ofrezan un cambio de contrato. Esta práctica ten como principal obxectivo cambiar ao consumidor de compañía enerxética facendo un uso fraudulento dos seus datos de carácter persoal.

Nalgún caso este tipo de estafa vén da man de subcontratas das compañías eléctricas. Estes falsos comerciais utilizan un carné moi similar ao verdadeiro, co logotipo da empresa, pero só aparece un nome e ningún apelido, polo que será imposible despois reclamar á empresa os gastos. Están formados por subcontratas das empresas eléctricas para conseguir os datos persoais e facturas dos clientes de calquera xeito, chegando mesmo a modificar a factura con firmas falsas.