Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Guitiriz contará na Casa da Botica cunha residencia pública

Por 2 Abril, 2018Sin comentarios

O Executivo Provincial aprobou en Xunta de Goberno o protocolo de colaboración entre Deputación e Concello de Guitiriz para a construción dunha residencia pública na Casa da Botica. Fíxoo tras os avances acadados polo Presidente, Darío Campos Conde, e a alcaldesa, Regina Polín, ao respecto desta iniciativa, que “o Partido Popular no municipio e na Xunta bloqueou durante os últimos 7 anos”.

Así o explicou a alcaldesa, detallando que “entre 2011 e 2015, o Goberno municipal do PP directamente paralizou este proxecto. De xeito oficial e por escrito, rexeitouno e púxolle os impedimentos urbanísticos para non concederlle a licenza de obra municipal. De volta ao Executivo local e aos poucos días da toma de posesión de Campos Conde como Presidente da Deputación, mantivemos unha reunión de traballo, na que acordamos retomar este proxecto”.

“Para elo, en primeiro lugar tiñamos que resolver a súa situación urbanística, pois o PP deixou no Concello un informe urbanístico contrario. A alternativa na que traballamos foi tentar axilizar a aprobación do PXOM de Guitiriz coa que conseguiríamos cambiar esta situación. Pero a día de hoxe, seguimos á espera de que a Xunta de Galicia aprobe o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Unha vez máis, o Partido Popular, neste caso dende o Goberno galego, volveu a bloquear o centro de maiores. E non só iso, tamén impediu e impide o asentamento poboacional no noso rural, posto que ao non contar co PXOM tampouco temos a necesaria delimitación dos nosos núcleos imprescindible para facer novas construcións. Ata 6 familias, polo de agora, xa tiveron que renunciar a contar con vivendas no rural de Guitiriz”.

“Ante esta situación e tendo en conta que a necesidade dun centro de maiores público en Guitiriz, así como que esta é unha prioridade compartida polos Gobernos de Concello e Deputación, voltamos a estudar xunto aos técnicos unha nova alternativa legal coa que desbloquear esta iniciativa”.

“Finalmente decidimos modificar o proxecto do centro de maiores e adaptalo ás limitacións urbanísticas que deixou o PP no municipio. O proxecto completa agora a construción dunha residencia pública, pois, simultaneamente, tamén traballamos nunha nova localización para dotar ao Concello dun centro de día público, que levamos á antiga casa dos peóns camiñeiros do Perexil, que imos a rehabilitar dende o Concello”.

“Neste momento, traballamos na redacción do novo informe urbanístico correspondente ao proxecto modificado. Rematado este, temos que enviar o proxecto modificado outra vez a Patrimonio, departamento que non debería poñer ningunha traba, pois xa deu o seu visto e prace ao anterior proxecto sen ningún problema. Con todo isto, por fin poderemos aprobar no Pleno municipal a concesión da licenza de obra para iniciar a construción da residencia pública na Casa da Botica”.

“Poderemos ofrecer aos nosos maiores ata 48 prazas. Pois o inmoble contará con 24 habitacións individuais con posibilidade de seren dobres”, remarcou a alcaldesa.

“Quero agradecer de xeito especial ao Presidente a súa implicación directa e esforzo para sacar adiante esta imprescindible dotación pública no noso Concello”, engadiu.

Protocolo

O protocolo de colaboración entre Deputación e Concello establece o seguinte:

1.- Impulsar un marco de cooperación interadministrativa para valorizar os recursos dispoñibles por cada unha das administracións co fin común de dotar ao municipio de Guitiriz e a súa bisbarra dun centro de atención a persoas maiores, accesible e que priorice a proximidade ao recurso de manter aos usuarios no seu entorno vital, familiar e social.

2.- Fixar un sistema de prezos públicos acordes coa capacidade económica das usuarias e usuarios.

3.- Axilizar a tramitación das licencias e autorizacións que sexan necesarias, fixando un prazo estimativo de tres meses.

4.- Impulsar as tramitacións das operacións de xestión patrimonial necesarias para a cesión á Deputación da propiedade do inmoble no que executar o centro de atención a persoas maiores, establecendo un prazo estimado de tres meses.

5.- Dar celeridade aos trámites necesarios da dotación orzamentaria necesaria para a construción e equipamento nun escenario plurianual (exercicios 2018-2019) de xeito similar ao marco financeiro que se aplica aos centros da Pontenova e A Pobra do Brollón, cun custo estimado de 1,4 millóns de euros e unha co-financiación de 1,2 millóns provincial e 200.000 municipal.

6.- Tramitar e aprobar o novo convenio de cooperación entre Deputación e Concello en cumprimento da nova lexislación vixente.

7.- Fixar como prazo estimado para licitar as obras o período de xullo-agosto de 2018 para inicialas este ano.

8.- Reclamar a colaboración da Xunta de Galicia de conformidade co previsto no artigo 64 da Lei de Servizos Sociais de Galicia.