Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE afirma que o Concello de Vilalba renunciou a unha subvención para unha caldeira

Por 18 Abril, 2018Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista afea a actitude do goberno local de Vilalba ao ter renunciado a unha subvención de 94.476,80 euros concedida polo Instituto Enerxético de Galicia para a instalación dunha caldeira de biomasa no Auditorio de Vilalba. Actualmente, o edificio conta con dúas caldeiras de gas natural, unha situación ante a que o equipo de goberno solicitou unha axuda para a colocación de equipos térmicos de biomasa, concedida e finalmente rexeitada.

O orzamento do proxecto presentado polo Concello ascendía a unha contía total de 119.000 euros, dos que máis de 94.000 estarían cubertos pola subvención. “O que non explica o alcalde é o aforro anual de preto de 4.000 euros coa substitución das caldeiras de gas pola de biomasa, non lle dan as contas porque non teñen adquirido ningún compromiso coa sostibilidade medioambiental nin coas enerxías renovables, que novamente deixan en segundo plano perdendo axudas de miles de euros”, subliñou a voceira dos socialistas Elba Veleiro.

Desde o PSOE consideran irresponsable a renuncia do alcalde, Agustín Baamonde, a unha axuda que permitiría “introducir progresivamente equipamentos que xeran menos emisións consumindo un combustible ecolóxico e renovable”, afirmou Veleiro, ademais de sinalar que non é a primeira vez que se perde unha subvención para a instalación de caldeiras de biomasa “xa que no 2015 tamén ocorreu o mesmo coa do Concello e así o denunciamos no seu momento”. Finalmente, os socialistas reproban este tipo de comportamentos reiterando que “os populares, que levan anos e anos gobernando Vilalba, deberían replantearse xa a súa orde de prioridades nas accións políticas, pois nun futuro pagaremos todos e todas a súa falta de miras e de responsabilidade”.