Skip to main content
ActualidadeVilalba

Novo ouro de Carlos Yobani no torneo internacional de Sassari

Por 28 Maio, 2018Sin comentarios

O vilalbés Carlos Yobani García acadou esta fin de semana un novo ouro no Torneo Internacional Citta de Sassari tras dominar a categoría de menos de 65 kg júnior.

Carlos tivo 4 enfrontamentos gañando todos por superioridade técnica antes do tempo regulamentario agás ante Neice Connor, de Canadá, ao que venceu por 7-4 tras unha magnífica remontada.

Carlos amosa así o  seu estado de forma de cara ao próximo europeo júnior que se celebrará en Roma a finais de xullo e para o que o vilalbés, que xa contaba entre os favoritos antes de Sassari, case que confirma a súa convocatoria tras ser o único ouro de combinado español na categoría júnior masculina.

Tamén temos que informar de que José Cuba, que non asistiu a Sassari para recuperarse dunhas molestias de xeonllo que acarreaba dende os pasados europeos de Rusia, finalmente non poderá participar nos Xogos do Mediterráneo de Tarragona por estar a súa categoría entre as eliminadas pola organización do calendario de competicións.

Os dous deportistas comezarán esta mesma semana a preparar as próximas citas internacionais, para Carlos o europeo júnior de Roma a finais de xullo e para Cuba o Grande Premio de España de mediados de xullo, proba fundamental si quere ter opcións de estar nos próximos mundiais.