Skip to main content
Actualidade

O servizo Línea Verde das Pontes resolveu máis do 80% das incidencias

Por 27 Xuño, 2018Sin comentarios

O Concello das Pontes fai un balance moi positivo do primeiro trimestre de funcionamento do servizo de participación cidadá Línea Verde que resolveu máis do 80% das incidencias comunicadas a través desta aplicación gratuíta de xestión municipal.

Desde a implantación desta canle de comunicación directa co goberno local, deseñada para informar sobre danos localizados no municipio e así poder solucionalos do xeito máis rápido e áxil posible, foron postas en coñecemento do grupo de goberno 275 incidencias, o 74% estiveron relacionadas coas vías públicas e un 18% referíronse a avisos sobre servizos municipais.

O goberno local subliña que preto do 8% das comunicacións referíronse a incidencias que non están tipificadas na aplicación, tales como infraccións de tráfico ou asuntos relacionados cos servizos sociais.

Estas cuestións deben ser comunicadas a través doutras canles administrativas, como son o rexistro municipal, a Policía Local ou o CIM, procedementos sobre os que se informa ós usuarios que empregan Línea Verde para comunicar este tipo de incidencias, derivándoos, ó mesmo tempo, ó departamento correspondente para poder dar resposta a todos os asuntos que chegan a este servizo de participación cidadá.

O tipo de incidencias que máis se comunicaron foron as que fan referencia ó estado das beirarrúas, vías e sinalización (37%), seguido das comunicacións sobre incidencias en parques e xardíns (10%) e as vinculadas ó tráfico e mobilidade (10%).

O goberno local amósase moi satisfeito cos resultados obtidos e subliña que “a veciñanza demostrou unha moi boa acollida do servizo e proba disto é o uso continuo que fan do mesmo. Agradecemos a importante participación da cidadanía que amosa a súa implicación e interese pola nosa vila, facendo das Pontes, entre todos, o pobo que queremos”.

Por este motivo, desde o Concello animan a todos os ponteses a seguir empregando este servizo e recordan que para poder usalo é preciso proceder á descarga da APP Línea Verde. Para iso, o usuario accede a Google Play ou a APP Store en función da tecnoloxía empregada no seu smartphone (Android / iOS). Unha vez localizada, lévase a cabo a descarga de forma gratuíta. O usuario, a continuación, deber seleccionar o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia e comezar un sinxelo proceso de comunicación.

Para comunicar o dano, basta con clicar sobre o botón “Nueva incidencia”. Un despregable coas diferentes tipoloxías de incidencias aparece en pantalla. O usuario selecciona aquela sobre a que quere facer unha comunicación. De forma automática, a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano.

O seguinte paso é achegar unha foto da incidencia e un comentario sobre a mesma. Xa só queda dar ó botón de enviar. Unha vez enviada, persoal do Concello recibe unha notificación do dano comunicado. A partir deste momento, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán, á súa vez, recibe unha notificación no seu teléfono móbil cando se produza un cambio no estado da incidencia comunicada.

A través de Línea Verde, o usuario tamén pode expor calquera consulta ambiental e para isto só é preciso seleccionar a opción “Nueva consulta”. Nun prazo máximo de 24 horas terá resposta por parte dun equipo de expertos na materia, de forma completamente gratuíta.

Ó servizo Línea Verde tamén se pode acceder a través do domino http://www.lineaverdeaspontes.org que permite ó usuario comunicar unha incidencia, expor unha consulta, e ter acceso a un amplo contido de consulta ambiental (guía de boas prácticas, consellos, información propia do municipio, etc…).