Skip to main content
ActualidadeVilalbaXermade

Saen a licitación as obras da AG-64 entre Vilalba e Xermade

Por 19 Xuño, 2018Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de licitar as obras de mellora do firme na autovía AG-64 que comunica Ferrol con Vilalba, unha actuación que se desenvolverá no tramo que discorre fundamentalmente polos termos municipais de Xermade e Vilalba, en preto de 40 quilómetros de lonxitude.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado dos alcaldes de Vilalba, Agustín Baamonde, e de Xermade, Roberto García, e de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, deron contan dos detalles deste proxecto que xa iniciou a tramitación administrativa para a contratación das obras.

O Goberno galego destina para este fin un orzamento que supera os 337.000 euros, que servirán para acometer os traballos de rehabilitación do firme mediante fresados localizados dos tramos que presentan maior deterioro e posterior reposición con mestura bituminosa en quente. Ademais, as obras tamén permitirán a renovación da sinalización horizontal e vertical que se encontre deteriorada.

A tramitación administrativa do expediente comezou coa publicación do anuncio de licitación no portal de contratos de Galicia. De non atopar atrancos de importancia, agárdase que o proxecto poida estar contratado no mes de setembro e as obras finalizadas a principios do ano próximo, xa que o prazo para a execución das mesmas é de seis meses.

O Goberno galego impulsa diversas melloras nas estradas autonómicas lucenses, que permiten ganar en seguridade viaria e a garantir o confort na circulación para os usuarios das vías, así como poñer ao servizo da veciñanza dos municipios beneficiarios unhas vías de comunicación en perfecto estado.