Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

A Xunta busca un consenso cos profesionais agrarias ante a PAC

Por 25 Xullo, 2018Sin comentarios

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse con representantes das organizacións profesionais agrarias e das cooperativas agroalimentarias para avanzar no establecemento dunha posición conxunta de Galicia diante da reforma da PAC. Esta postura será trasladada ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por parte da Xunta, tendo en conta ademais que a autonomía ostenta este semestre a representación das comunidades españolas en materia agraria diante da Unión Europea.

A titular de Medio Rural reiterou ademais a lealdade da Xunta co Goberno central nesta materia e demandou ese mesmo compromiso do Ministerio cos agricultores e gandeiros galegos á hora de contemplar as particularidades do noso agro nas negociacións para definir a futura PAC.

No documento de consenso que está a elaborar Galicia proponse un decálogo de medidas que pasan, en primeiro lugar, por manter unha PAC coherente (e común) a nivel da Unión Europea, establecendo por parte da Comisión criterios iguais obrigatorios para todos os estados nas principais definicións. Rexéitase calquera posibilidade de renacionalización e considérase que a PAC debe seguir sendo unha política eminentemente común, de forma que a súa estrutura continúe estando baseada en dous piares, e o primeiro deles (axudas directas) debe financiarse exclusivamente con fondos europeos.

Ángeles Vázquez explicou que neste intre resulta fundamental o correcto desenvolvemento dos plans estratéxicos que adaptarán a PAC a cada Estado membro. Neste sentido, dixo que “debe haber un plan único, que recolla as singularidades de cada comunidade autónoma”.

A conselleira avogou ademais por unha simplificación “real” da PAC, tanto a nivel Comisión Europea como para os agricultores e gandeiros, que supoña unha diminución de custes e de persoal á hora de facer os controis, incorporando de xeito efectivo a dixitalización e as vías telemáticas para mellorar esa xestión.

Nesta postura común de Galicia apóstase por favorecer o apoio á incorporación de mozos á actividade agraria, especialmente porque se apoien as sociedades nas que se incorporen os agricultores novos, dunha forma menos restritiva que a actual. Deféndese, así mesmo, unha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, así como para as pequenas explotacións.

Outra das demandas de Galicia ten que ver co establecemento de medidas que permitan responder de forma rápida ás oscilacións dos prezos dos produtos agrarios e dos factores produtivos como os pensos e a enerxía, de forma que os agricultores poidan manter as súas rendas ante estas continxencias.