Skip to main content
Actualidade

O PSOE de Castro esixe ao alcalde que aclare se a auga é potable

Por 13 Xullo, 2018Sin comentarios

Os socialistas de Castro de Rei esixen ao alcalde que aclare se a auga é potable ou non tras coñecerse que as analíticas da traída municipal reflicten un exceso de metais, afectando directamente aos veciños do núcleo de Castro Ribeiras de Lea e doutras 13 parroquias máis (Loentía, Duarría, Matodoso, Bendia, Triabá, Quintela, Ansemar, Viladonga, Pacios, San Xiao de Mos, Ribeiras de Lea, Bazar e Outeiro).

A voceira municipal socialista, Marisa R odríguez Gigán, censurou que “o rexedor non pode tan só recomendar aos veciños non beber auga durante 4 días, o que debe facer é informar se a auga é potable ou non porque está xogando coa saúde e a economía de todos. Estamos ante un problema grave de abastecemento de auga, que aparte das molestias ocasionadas aos castrexos no día a día, pois non poderán nin empregala para cociñar, suporá perdas económicas para os establecementos e hostaleiros da zona que deberán mercar auga embotellada para poder ofrecer os seus servizos. Ademais, o alcalde non especifica se esta auga a poden beber os animais o que provocaría danos e prexuízos para as numerosas explotacións gandeiras e granxas coas que contamos en Castro de Rei”.

Rodríguez Gigán informou que o Grupo Municipal Socialista de Castro de Rei levará ao pleno da corporación unha pregunta sobre a potabilidade da auga esixindo ao alcalde que aclare a orixe e as causas de que a traída conte con metais pesados, así como as cantidades e os tipos de composición. Os socialistas tamén solicitarán a revisión por parte de técnicos municipais especializados das instalacións da Planta de captación de Quintela e preguntarán ao goberno do PP se realizaron a limpeza dos depósitos de distribución que ten a obriga por lei de facer unha vez ao ano.

Os socialistas explicaron que existe unha directiva do Parlamento Europeo do ano 2013 que define a calidade da auga e se esta é potable ou non dependendo das sustancias coas que conte. A valoración e decisión de se a auga é de consumo humano e conta cos parámetros óptimos é do goberno da Xunta, en concreto, da Consellería de Sanidade, que é a institución coas competencias nesta materia. Este problema coa calidade e abastecemento da auga potable orixinará a apertura de expedientes sancionadores, carrexando multas económicas para o Concello de Castro de Rei, como sucedeu en outros municipios.