Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Acordo de colaboración entre a Xunta e o Concello de Friol para arranxar o centro sociocultural

Por 16 Xullo, 2018Sin comentarios

O conselleiro de Política Social José Manuel Rei e o alcalde de Friol, José Ángel Santos, veñen de firmar estes días un convenio de colaboración entre ambas administracións por un importe de 400.000 euros, o obxectivo deste convenio é o de levar a cabo unha reforma integral no edificio sociocultural.

O importe previsto para estes traballos se distribuirá en dúas anualidades, é dicir, unha anualidade para o ano 2018, que está previsto que comecen as obras nos primeiros meses, e a segunda e última anualidade será para o ano 2019.

Trátase dun edificio dunhas medidas e capacidades considerables, situado na rúa Diputación, en pleno centro de Friol. Inaugurouse no ano 1997 e xa no seu momento foi cofinanciado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Familia e a Deputación de Lugo, e na actualidade conta cun salón de actos cunha capacidade para unhas 300 persoas. Na primeira pranta está situada a Biblioteca Municipal e a segunda está dividida en diferentes aulas, onde se levan a cabo distintas actividades, como poden ser clases de pilates, baile, zumba, ademais de cursos e distintas charlas e reunións de diferente índole, etc. Tamen teñen a súa sede algunhas das asociacións que existen no municipio.

Segundo destacou o alcalde, o obxectivo último que se pretende con estas obras é rehabilitar e tratar de mellorar na medida do posible a totalidade das tres prantas interiores, como tamén eliminar humidades procedendo ao illamento de paredes e renovando a cuberta. Trátase de que esta mellora sexa integral dado as malas condicións nas que se atopa devandito centro na actualidade.

A intención é que con esta reforma e coa nova recolocación no interior sexa máis pracentera a estancia por parte dos veciños no mesmo, que sexa máis funcional para que se poidan levar a cabo as diferentes actividades que tanto as asociacións, Concello e calquera grupo de veciños estimen oportunas.

Segundo destacou Rei, este tipo de colaboracións garanten o benestar social mellorando a calidade de vida dos cidadáns axudando ás entidades locais a mellorar as instalacións municipais dedicadas a estes fins sociais.

Pola súa banda, Santos quixo mostrar o seu agradecemento “á importante implicación do conselleiro coas necesidades sobre este edificio. Na actualidade apréciase e é evidente a necesidade dunha reforma urxente, e o apoio por parte do conselleiro foi total”.

Desde o Concello, preténdese continuar nesta liña de traballo, buscando o apoio e a colaboración das distintas administracións públicas, para desta forma facer fronte aos distintos proxectos que nestes momentos están en marcha e son necesarios para mellorar a calidade de vida dos habitantes.